O Dépor arranca outra semana de pretemporada con Claudio Beauvue xa no grupo
Claudio Beauvue adestrouse xa esta mañá en Abegondo como xogador do Deportivo até 2022.
O ariete branquiazul, que levaba varias sesións con Fernando Vázquez desde o regreso das vacacións, estivo a semana pasada ultimando os detalles do seu novo contrato.
Hoxe, Beauvue foi un máis e realizou todo o adestramento con normalidade.
As outras 3 novas incorporacións do Deportivo 2020-21 aínda non se pasaron pola Cidade Deportiva. Borja Granero e Carlos Abad están con probas médicas rutineiras; mentres que Celso Borges atópase en Madrid arranxando a documentación para o seu regreso ao Dépor.
Con Uche de permiso, Gerard Valentín e Fede Cartabia, este con molestias nun cuádriceps, tiveron adestramento específico.
Na primeira sesión da semana, após un quecemento con xogos e rondos, Fernando Vázquez dispuxo un circuíto de forza, unha tarefa de posesión, un partido a metade do campo 2 e, para concluír, series de carreira.
Mañá martes, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:00 horas.