O Dépor arrancou hoxe mércores a semana de traballo con Juan Carlos Menudo no grupo
O Dépor regresou aos adestramentos hoxe mércores 13 de abril para comezar a preparar a visita do DUX Internacional de Madrid a ABANCA-RIAZOR, prevista para o domingo 17 de abril ás 12:00 horas (TVG-2, G24.gal, Footters e Fuchs Sports). O encontro corresponde á 32ª xornada no grupo 1º de Primera RFEF.
Juan Carlos Menudo, que non entrou na convocatoria para o partido do pasado domingo en Lezama debido a unha sobrecarga de isquiotibiais, adestrouse con normalidade co resto dos seus compañeiros. Están con traballo personalizado Jaime e Aguirre. Víctor está de permiso e Trilli, no seu domicilio a consecuencia dun proceso vírico.
O cadro deportivista, como é habitual nos inicios de cada semana, reuniuse á primeira hora na sala de vídeo nunha tarefa á que Borja Jiménez concede especial importancia despois de cada partido.
Xa sobre o céspede, os futbolistas completaron após un quecemento un exercicio de forza con finalizacións. Un partido a metade do campo 2, en espazo reducido e de alta intensidade, puxo o punto e final a unha longa mañá, por riba da hora e media no campo.
Noel e Yeremay; ademais dos xuvenís Hugo Ríos, Rubén Vilela e Álex Montero, estes dous últimos unicamente no partido final, foron a representación de #ANOSACANTEIRA.
Mañá xoves 14 de abril, o Dépor adestrarase finalmente en ABANCA-RIAZOR a partir das 10:30 horas. Por conseguinte, a sesión do sábado, prevista no estadio, trasládase a Abegondo.