O Dépor comeza o ensaio de movementos ofensivos e defensivos
Segundo explicou esta mesma mañá Víctor Narro na súa presentación ante os medios de comunicación, estes primeiros adestramentos de pretemporada do Deportivo son "bastante longos para gañar físico. Hai que porse a ton para o inicio de liga que vai ser moi duro".
Así pois esta mañá, na única sesión hoxe e a tres días do primeiro amigable de pretemporada no campo de Ponte dos Brozos contra o Atlético Arteixo (sábado 23 de xuño ás 19:30 h., retransmitido en directo na canle de Youtube do Club www.youtube.com/RCDeportivo grazas ao patrocinio de Integralmotion.es), o cadro arrincou cun circuíto de forza e acabou a mañá no céspede con series de velocidade, todo iso supervisado polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca.
Ademais, Borja Jiménez comezou a incluír entre as tarefas traballo táctico. Desta forma, o adestrador branquiazul dispuxo dun ensaio de movementos ofensivos con finalizacións e outro de movementos defensivos.
Un novo exercicio táctico no campo 3 e un partido 10 contra 10, animado desde a bancada polos máis de 200 nenos da cuarta quenda do DéporCampus Cabreiroá 2022, completaron a xornada sobre o céspede.
Coa ausencia de Trilli; e con traballo personalizado para Borja Granero, Héctor e Dani Barcia, este a consecuencia dunhas molestias nun pé, Yeremay e Mella foron a representación de #ANOSACANTEIRA.
Mañá venres o Dépor adestrarase de novo ás 10:30 en Abegondo.