RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor das 7 vitorias reaparece no Martínez Valero (0-1)

O Deportivo volveu lembrar ao equipo que enlazou 7 vitorias consecutivas, cun despregamento defensivo de primeiro nivel malia xogar medio partido en inferioridade numérica, para levar o tres puntos de Elxe, grazas a un solitario tanto de Hugo Vallejo que afasta aos branquiazuis da zona de descenso.

O técnico deportivista, Fernando Vázquez, repetiu 6 rotacións con respecto ao once inicial do anterior partido. Neste caso, con respecto ao encontro do pasado sábado ante o Rayo Vallecano en ABANCA-RIAZOR saíron do equipo titular o lesionado Peru Nolaskoain, Salva Ruiz, Keko Gontán, Ager Aketxe, Víctor Mollejo e Mamadou Koné. As súas posicións ocupáronas Javi Montero, Luis Ruiz, Gaku Shibasaki, Vicente Gómez, Borja Valle e Sabin Merino. Álex Bergantiños atrasou a súa posición para volver formar cunha liña de 3 centrais.

O conxunto ilicitano foi o claro dominador do primeiro período. Aos 2 minutos, no seu primeiro achegamento, Iván Sánchez bateu un saque de esquina no segundo pau. O balón paseouse pola área entre un mar de pernas. Cinco minutos máis tarde, o equipo local rematou por primeira vez entre os tres paus, nunha frouxa cabezada de Jonathas a centro de Josan. Dani Giménez atrapou o coiro con facilidade.

Recentemente superado o cuarto de hora, de novo Jonathas cabeceou un centro desde a esquerda do ataque alacantino. O brasileiro peiteou o balón en exceso, co que o coiro se perdeu moi lonxe da portería coruñesa.

Á media hora de xogo, xusto trala pausa de rehidratación, produciuse unha xogada clave no desenvolvemento do partido. Gaku Shibasaki entrou tarde a Iván Sánchez nas proximidades da área ilicitana. A pesar de que non mostrou os seus tacos e retirou o pé tralo contacto, o colexiado mostrou a cartolina vermella ao centrocampista nipón. O Deportivo quedaba cun home menos cunha hora por diante. Borja Valle retrocedeu a súa posición a mediocampo, co que os branquiazuis pasaron a situarse nun esquema 5-3-1, con Sabin Merino só en punta.

Se o Dépor apenas era capaz de conservar a pelota até entón, con dez xogadores duroulle aínda menos. A pesar de todo, o Elche só gozou dunha oportunidade no cuarto de hora final da primeira parte. No minuto 43, o árbitro anulou un gol de cabeza a Jonathas por claro fóra de xogo.

Tralo descanso, Pacheta, técnico do Elche, realizou dous cambios para pasar a xogar cunha defensa de 4 homes, posto que o Dépor deixara a un só futbolista en punta. O dominio da formación local intensificouse, con constantes chegadas, a máis clara, unha cabezada picada de Jonathas no minuto 54, que Dani Giménez detivo en dous tempos.

O primeiro disparo deportivista en todo o partido non chegou até o minuto 56. Foi un lanzamento lonxano e desviado á dereita do marco local por parte de Borja Valle. Un espellismo no medio dunha posesión abafadora dun Elche que pouco despois estrelou un balón no lateral esquerdo da rede da portería herculina por medio de Iván Sánchez, que empalmou con potencia un balón morto ao bordo da área.

Con todo, o Dépor logrou adiantarse no marcador no seu segundo disparo a portería, o primeiro entre os tres paus. Corría o minuto 65 cando unha intercepción de Hugo Vallejo a un remate ao bordo da área de Ramón Folch caeu a pés de Bóveda. O lateral dereito cambiou de orientación cara á esquerda para Sabin Merino, que aguantou a pelota esperando a que Mollejo dobráselle. O zurdo manchego apareceu desde atrás con velocidade e centrou por baixo á área pequena, onde Hugo Vallejo, de cabezada picada, fusilou a Edgar Badia para marcar o seu primeiro tanto como xogador deportivista.

O Elche foise con todo arriba dando entrada inmediatamente a Nino e Escriche, dous dianteiros, por Pere Milla e Andoni López. E o Dépor pasou a xogar sen dianteiro, coa incorporación de Aketxe en lugar de Sabin Merino.

O minuto 78 marcou un punto de inflexión no partido. En primeiro lugar, porque o equipo local dispuxo de dúas claras ocasións consecutivas. A primeira, nun centro de Fidel que se envelenou ao rozar en Montero e Dani Giménez rexeitou a córner. A segunda, no mesmo saque de esquina, que cabeceou Jonathas ás mans do porteiro deportivista. Segundos despois, Tekio derrubou con contundencia a Mollejo, polo que viu a segunda cartolina amarela. A igualdade numérica volvía a reestablecerse para o último cuarto de hora.

A pesar de que os franxiverdes seguiron atacando con insistencia, non volveron protagonizar ataque destacado algún. O Dépor defendeuse con orde e mesmo dispuxo de tres claras opcións de sentenciar o duelo ao contragolpe. No minuto 89, por medio de Hugo Vallejo, após unha longa galopada de David Simón. O '35' branquiazul recortou a Josema pero o seu duro remate topou cunha milagrosa man esquerda de Edgar Badia. Xa no tempo de desconto foron Uche Agbo e David Simón os que quedaron na área ante o gardameta local para liquidar o choque, aínda que na primeira cruzouse Josema e na segunda o lateral canario disparou fóra.

Con este triunfo, o Deportivo curta unha xeira de 7 encontros sen gañar e a outra de 3 empates consecutivos, co que os branquiazuis acumulan 4 xornadas sen coñecer a derrota, desde o regreso de LaLiga SmartBank despois do parón pola pandemia do Covid-19. Os deportivistas alcanzan os 41 puntos, cos que se aseguran seguir unha xornada máis fóra das posicións de descenso.

Elche CF: Edgar Badia, Óscar (Tekio, min. 30), Gonzalo Verdú (Ramón Folch, min. 46), Dani Calvo, Josema, Andoni López (Escriche, min. 66), Josan, Manu Sánchez (Fidel, min. 46), Iván Sánchez, Pere Milla (Nino, min. 66) e Jonathas.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Álex Bergantiños, Montero, Luis Ruiz (David Simón, min. 55), Gaku Shibasaki, Uche Agbo, Vicente Gómez (Mollejo, min. 58), Borja Valle (Hugo Vallejo, min. 58) e Sabin Merino (Aketxe, min. 66).

Gol: 0-1 Hugo Vallejo (min. 65).

Árbitro: Arcediano Monescillo (c. castelán-manchego). Expulsou con vermella directa a Gaku Shibasaki (min. 32) e por dobre amarela a Tekio (min. 78). Cartón amarelo a Luis Ruiz (min. 35), Manu Sánchez (min. 37), Tekio (min. 54) e Fidel (min. 74).

Incidencias: partido correspondente á 35ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio Manuel Martínez Valero a porta pechada debido á pandemia do Covid-19.