RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor desperdicia outro 'match-ball' (2-3)

O Deportivo volveu desperdiciar a ocasión de deixar practicamente asegurada a permanencia en LaLiga SmartBank ao perder en ABANCA-RIAZOR fronte a un Extremadura UD xa descendido matematicamente a Segunda B. A pesar de adiantarse no marcador na súa primeira ocasión, os branquiazuis viron como o equipo de Almendralejo deulle a volta ao marcador na segunda parte e, a pesar de lograr empatar de novo a piques de cumprirse o minuto 90, perderon un punto que podía valer ouro con outro tanto do coruñés e exdeportivista Óscar Pinchi.

O técnico deportivista, Fernando Vázquez, realizou tres cambios con respecto ao once inicial que presentou o pasado mércores en La Rosaleda. Borja Valle volveu á medular en lugar de Vicente Gómez, Mollejo supliu a Emre Çolak en tres cuartos e Sabin Merino regresou á dianteira no canto de Beauvue.

A primeira ocasión do encontro traduciuse en gol. Mollejo encarou ao lateral esquerdo Bastos, recortouno cara a dentro e puxo un centro a perna cambiada ao segundo pau, onde David Simón cabeceou anticipándose a Álex Díez. O balón entrou após golpear o poste dereito do portal visitante.

A primeira metade foi moi aberta, con chegadas a ambas as porterías, aínda que ningunha opción excesivamente clara de perforar a meta contraria. No minuto 7, Mollejo cabeceou desviado un centro desde a esquerda de David Simón. Dous minutos despois, foi o ganés Sabit o que o probou no lado contrario. O seu disparo desde fóra da área marchouse moi alto. Antes do cuarto de hora de xogo producíronse outras dúas chegadas, unha por bando. Na primeira, Sabin Merino soltou un zapatazo desde o bordo da área, pero demasiado centrado, que detivo Gonzalo Collao. Acto seguido, respondeu Cristian con outro lanzamento lonxano e desviado.

O Extremadura atopouse máis cómodo na segunda metade do primeiro acto, chegando en varias ocasións aos dominios de Dani Giménez. Manu Mosquera, á media volta, disparou raso e frouxo a mans do porteiro deportivista no minuto 21. Á media hora, Álex Díez creou a mellor oportunidade cunha internada polo extremo dereito. O seu servizo raso ao punto de penalti rematouno Nono, en posición favorable, ás nubes. No tempo engadido, Bóveda cabeceou frouxo un centro de Mollejo e na última acción do período, Nono disparou duro desde a frontal da área pero Dani Giménez respondeu con seguridade.

A segunda metade arrancou cunha clara ocasión de abrir distancias para o Dépor. Gaku recuperou un balón e arrancou con velocidade cara á área contraria. O nipón esperou algún desmarque cara ao interior da área e optou por darlle o coiro a Aketxe que, chegando pola dereita, non puido precisar o seu tiro coa destra. O balón foise moi desviado. Na seguinte xogada, Sabin tamén rematou en posición moi favorable, nesta ocasión de cabeza, un centro de Mollejo. Pero o esférico chegou mansamente ás mans de Gonzalo Collao.

Á hora de xogo, Emre Çolak entrou por Mujaid, co que Fernando Vázquez recompuxo as súas liñas. David Simón cambiou de banda e deixou a súa posición no lateral esquerdo a Mollejo, até entón na fronte de ataque. O manchego gozou dunha boa opción pouco despois, ao culminar cun potente zurdazo excesivamente cruzado un contragolpe conducido por Aketxe.

Con todo, o Extremadura UD logrou o empate na súa primeira chegada da segunda parte. O cadro azulgrana provocou dous saques de esquina consecutivos e no segundo a Dani Giménez escapóuselle o balón das mans, Borja Granero devolveu o balón de cabeza cara á área pequena e alí Montero introduciuno na súa propia portería no seu desesperado intento por evitar que Fran Cruz remachase a porta baleira. Corría o minuto 68 de encontro.

O equipo deportivista xerou dúas accións moi claras nos 10 minutos posteriores. Primeiro, Aletxe rematou mordido cando chegaba só ao segundo pau para rematar un centro de Mollejo. Despois, Hugo Vallejo cabeceou rozando o traveseiro após gañar o salto a Bastos. Fernando Vázquez entendeu que era momento de ir a pola vitoria que valese a salvación de maneira virtual, dando entrada a Christian Santos por Borja Valle. O mediocampo quedou entón en mans de Gaku, Aketxe e Emre Çolak, con Beauvue e Christian como parella ofensiva.

O turco tivo nas súas botas o 2-1, por partida dobre, nunha acción na que primeiro disparou contra un defensa e despois topouse cun milagroso pé dereito de Gonzalo Collao que afogou a celebración branquiazul. Pouco despois, probouno de novo desde o bordo da área, pero o seu frouxo disparo atrapouno sen problemas o gardameta visitante.

Co Dépor partido en dous na súa procura desesperada da vitoria, o Extremadura UD atopou un filón ás costas do mediocampo coruñés. No minuto 84, Óscar Pinchi culminaba un contrataque en clara superioridade numérica para colocar o 1-2 no marcador.

Os branquiazuis envorcáronse entón definitivamente, en pos do empate. Este chegou cando ía cumprirse o minuto 90. Christian Santos empuxou a porta baleira un pase da morte de Mollejo, que gañara a vantaxe no extremo esquerdo grazas a unha boa condución e pase en profundidade de Emre Çolak.

Con todo, no tempo engadido, co Dépor envorcado na busca do 3-2, chegou o 2-3. De novo foi o coruñés e exdeportivista Óscar Pinchi o que culminou unha nova acción en superioridade numérica do ataque estremeño. A pesar de que Aketxe dispuxo doutra posición clara de disparo na frontal no terceiro minuto de tempo engadido, o seu tiro saíu demasiado centrado, a mans do porteiro estremeño.

Con esta segunda derrota consecutiva, o Deportivo segue con 48 puntos na clasificación, moi preto das posicións de descenso cando só restan dúas xornadas para a conclusión de LaLiga SmartBank.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid (Emre Çolak, min. 59), Álex Bergantiños, Montero, David Simón (Hugo Vallejo, min. 73), Borja Valle (Christian Santos, min. 79), Gaku Shibasaki, Aketxe, Sabin Merino (Beauvue, min. 73) e Mollejo.

Extremadura UD: Gonzalo Collao, Álex Díez, Fran Cruz, Borja Granero, Bastos, Cristian, David Rocha (Airan Cabrera, min. 46), Sabit (Gabri, min. 85), Nono (Carrasco, min. 66), Óscar Pinchi e Manu Mosquera (Lele, min. 75).

Goles: 1-0 David Simón (min. 4); 1-1 Montero, en propia meta (min. 68); 1-2 Óscar Pinchi (min. 84); 2-2 Christian Santos (min. 89); 2-3 Óscar Pinchi (min. 90+2).

Árbitro: Arcediano Monescillo (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Cristian (min. 14) e Carrasco (min. 88).

Incidencias: partido correspondente á 40ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR a porta pechada debido á pandemia do Covid-19.