RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

O Dépor Genuine participou esta fin de semana no IV Torneo Integra Vila de Baiona

O Dépor Genuine desprazouse a pasada fin de semana á localidade pontevedresa de Baiona para tomar parte no IV Torneo Integra Vila de Baiona, que reuniu a sete equipos de futbolistas con diversidade funcional na Área Deportiva Aral-Fontiñas do Erizana CF.

O equipo deportivista quedou encadrado no grupo B xunto a Sporting de Gijón e SD Ponferradina. No grupo A participaron Fundación Celta Integra, Racing de Ferrol, CD Lugo e Erizana CF. Toda a competición tivo lugar ao longo do sábado 1 de abril.

O Dépor Genuine derrotou ao cadro asturiano por 2-0. Na primeira parte gañou por 1-0 con gol de Xosé, na segunda tamén se impuxo pola mínima con tanto de Álex Rey e na terceira empatou (1-1) grazas a unha diana de Miguel.

No segundo partido, Dépor Genuine e SD Ponferradina empataron 1-1. O equipo berciano impúxose por 0-1 na primeira parte, a segunda finalizou con igualada sen goles e na terceira os branquiazuis gañaron por 3-1 cun dobrete de Álex Rey e un gol de Miguel.

No partido definitivo, o Fundación Celta Integra impúxose por 2-1, após gañar as dúas primeiras partes e impoñerse o Dépor Genuine na terceira por 2-3, con dous goles de Álex Rey e un de Xosé.

Os 16 xogadores e xogadoras que defenderon a camiseta branquiazul foron Andrés Barbeito, Antonio Cagiao, Carmen Durán, Mamadou Fall, Xavier García-Armero, Alejandro Gómez, Daniel Granell, Gabriel López, Alexandra López, Xosé Marquina, Samuel Martínez, Anxo Martínez, Álex Rey, Miguel Rivas, Daniel Trasancos e Cristian Vázquez.

A xornada do domingo 2 de abril constou de varios actos lúdicos, como unha viaxe ás illas Cíes, unha mesa redonda no Parador de Baiona e unha comida de clausura.