RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A AD Ceuta FC, que non coñece a derrota desde o 8 de xaneiro, pon en alerta mañá ao Dépor en ABANCA-RIAZOR

O Dépor activa as alertas de cara á seguinte cita no grupo 1º de Primera Federación, mañá domingo 23 de abril ás 19:00 (TVG-2 e InSports.tv) en ABANCA-RIAZOR ante unha AD Ceuta FC que non perde en liga desde o pasado 8 de xaneiro; e iso que se enfrontou neste tramo a varios equipos de arriba: AD Alcorcón, Real Madrid Castilla, Racing de Ferrol e Córdoba CF.

O empate do pasado domingo na Malata co Racing de Ferrol (0-0) deixou a Os Nosos en 3ª posición da táboa con 58 puntos, a 4 puntos da AD Alcorcón e Real Madrid Castilla, líderes con 62 puntos por esta orde.

Por detrás vén con 56 puntos o conxunto racinguista, ademais pendente de finalizar o próximo 3 de maio o seu partido no Nuevo Acángel ante o Córdoba CF correspondente á 29ª xornada que foi suspendido con 1-1 no marcador debido ao desmaio do futbolista local Gudelj.

"Ás toas hai que facer polo menos 5 grandes resultados", admitiu Óscar Cano onte na rolda de prensa previa para optar á primeira praza e, por conseguinte, ao ascenso directo.

O técnico deportivista perde por sanción mañá a Raúl Carnero, expulsado por dobre amarela en Ferrol; e a Pepe Sánchez, en proceso de recuperación da súa lesión muscular.

Por contra, regresa Isi Gómez á convocatoria despois de cumprir ante o Racing un partido de suspensión.

Esta mañá, o Dépor realizou un último ensaio en ABANCA-RIAZOR. Após pasar pola sala de vídeo por espazo de media hora, o corpo técnico dispuxo sobre o céspede dun quecemento con xogos, unha tarefa defensiva e de remates por grupos, un partido 11 contra 11 e un último repaso ás accións a balón parado.

Pola súa banda, a AD Ceuta FC é 14ª con 37 puntos. Desde a súa última derrota en Talavera de la Reina (2-0), os ceutís gañaron no seu campo á Cultural Leonesa (2-1), Fuenlabrada (1-0), Rayo Majadahonda (5-1), Linares Deportivo (2-0), AD Mérida (1-0) e CD Badajoz (3-0); e fóra venceron en Alxeciras (1-2) e Pontevedra (1-3).

Ademais, empataron no seu campo co Real Madrid Castilla (2-2) e San Fernando CD Isleño (2-2); e lonxe de Ceuta puntuaron en Ferrol (1-1), Córdoba (1-1), Alcorcón (2-2) e San Sebastián de los Reyes (1-1).

Na primeira volta, o pasado 18 de decembro de 2022, gañou o Dépor (1-2). Quiles e Villares puxeron en vantaxe aos branquiazuis na primeira metade; e apertaron após o descanso os locais, que asediaron de xeito abondo a meta de Ian Mackay.

"Gustounos moito o seu xogo. É un equipo moi dinámico, combinativo, un equipo que sempre mira á portería contraria e alí gustounos moito. Sufrimos moito para sacar os 3 puntos", lembraba esta semana Antoñito na sala de prensa de Abegondo.

José Juan Romero, técnico do AD Ceuta FC, asegurou que na súa loita pola salvación "está prohibido falar no vestiario de clasificación nin de nada. Non queremos saber os puntos, a distancia... Seguimos xogando eliminatorias cada semana".

Cre que a clave en ABANCA-RIAZOR "é saber afrontar o partido con 27.000, 30.000 ou os espectadores que haxa. O hábitat é moi diferente ao que te atopas cada domingo pola dimensión. Saír aí e xogar é o que lle pido aos meus futbolistas".

Advirte que "nos xuntamos dúas extraordinarias estatísticas. Un como está no seu estadio (o Dépor) e outro como vén de 14 partidos (AD Ceuta FC). Imos ir alí con todas as da lei e a gañar".

Finalizado o encontro, Os Nosos adéstranse de novo o luns 24 de abril ás 10:30 en Abegondo.