O Dépor, que non terá descanso semanal, comezou xa a preparar o partido ante o CF Rayo Majadahonda
O Deportivo púxose ao choio para preparar a seguinte cita ligueira, o sábado 2 de abril 19:00 (Footters, TVG-2 e G24.gal) en ABANCA-RIAZOR ante o CF Rayo Majadahonda, correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Primera RFEF.
O choque é de altura, posto que os madrileños marchan na cuarta posición do grupo 1º de Primera RFEF con 50 puntos; a 4 do Dépor, segundo na táboa con 54 puntos.
Esta semana non haberá xornada de descanso para os futbolistas branquiazuis, aínda que loxicamente os titulares onte en Vigo tiveron sesión de recuperación esta mañá, con carreira continua, estiramentos e paso pola padiola dos fisioterapeutas.
Para os demais membros do cadro a sesión foi de alta intensidade, cun quecemento, roldo de presión, finalizacións e fútbol en espazo reducido para concluír.
Seguen con traballo individualizado Víctor e Miku. Pola súa banda, Trilli, tamén con adestramento personalizado, Yeremay, Iván Guerrero, Dani Barcia e Alberto foron hoxe a representación de #ANOSACANTEIRA.
Non está nestes días en Abegondo Noel, concentrado coa selección española sub-19 no Minitorneo Elite do Campionato de Europa da categoría que arrancou o pasado mércores 23 de marzo e conclúe mañá martes en Benidorm.
O cadro adestrarase de novo na Cidade Deportiva mañá martes 29 de marzo a partir das 10:30, con almorzo na instalación a partir das 9:00.
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Martes 29 de marzo 10:30 h., en Abegondo
Mércores 30 de marzo 18:00 h., en ABANCA-RIAZOR
Xoves 31 de marzo 10:30 h., en Abegondo
Venres 1 de abril 10:30h., en Abegondo
Sábado 2 de abril 19:00: Deportivo - CF Rayo Madajahonda, en ABANCA-RIAZOR