RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor recupera a Quiles e Miku para a visita de mañá domingo a Lezama

O Deportivo visita mañá domingo 10 de abril ás 12:00 en Lezama (Footters e Fuchs Sports) ao Athletic Club B, correspondente á 31ª xornada no grupo 1º de Primeira RFEF, coas novidades de Quiles, após cumprir o seu partido de sanción a pasada fin de semana ante o CF Rayo Majadahonda; e Miku, que hoxe mesmo recibiu a alta médica e por conseguinte está a disposición de Borja Jiménez. Entre ambos os futbolistas suman 22 dos 41 goles que anotou o Dépor no que vai de liga.

Así pois, quedan fóra deste partido por lesión Víctor, Aguirre, o canteirán Trilli e Menudo, que, segundo explicou onte o técnico deportivista en rolda de prensa, "non ten unha rotura como tal, pero o médico ten localizado unha zona (isquiotibial) onde lle molesta". Hoxe, o mediapunta andaluz non saltou ao céspede co resto dos seus compañeiros.

Noel e Yeremay son os representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 20 futbolistas que emprenden viaxe por estrada a Bilbao este mesmo mediodía após unha sesión de traballo en Abegondo que constou dun quecemento, un roldo de presión, un partido a tres cuartas partes de campo con especial fincapé en diferentes accións a balón parado e unha última tarefa de centros laterais e finalizacións.

Con 57 puntos, os branquiazuis teñen 4 puntos de renda sobre a terceira praza que ocupa o Racing de Ferrol (53 puntos) e 9 puntos de desvantaxe respecto ao liderado, en poder do Real Racing Club (66 puntos).

Pola súa banda, o Athletic Club chega ao choque con 36 puntos, en décimo quinta posición, con 4 puntos de vantaxe sobre a zona de descenso.

Os pupilos do ex céltico Patxi Salinas e do ex deportivista Dani Aranzubia (adestrador de porteiros), sumaron os 6 últimos puntos á conta do Extremadura UD e do CD Tudelano en Lezama (1-0). No entanto, o seu último partido fóra de casa, en Talavera, acabou con dura derrota (4-0).

En Lezama, os 'cachorros' gañaron no que vai de temporada 6 partidos, empataron 4 e perderon 5; cun balance de 16 goles a favor e 11 en contra.

En ABANCA-RIAZOR, na primeira volta, o partido acabou en empate (1-1) despois de que Artola adiantase ao Athletic Club B e Jaso, en propia meta, asinase o gol da igualada.

O ambiente nas bancadas está garantido, coa presenza duns 200 deportivistas apoiando ao equipo.

De feito o Athletic Club, consciente do tirón do Dépor, adoptou a medida de fretar autobuses mañá domingo desde San Mamés a Lezama para socios e afeccionados branquivermellos.