O Dépor regresa aos adestramentos con Uche Agbo xa no grupo
O Deportivo regresou esta mañá aos adestramentos en Abegondo, xa con Uche Agbo no grupo.
O centrocampista nixeriano completou con normalidade toda a sesión, a primeira co seu novo equipo e a primeira do equipo esta semana, de cara ao encontro no Estadio Carlos Belmonte ante o Albacete Balompié, previsto para o domingo 26 de xaneiro (16:00 horas, Movistar LaLiga).
A mañá foi longa, con quecemento, rondos e diversas tarefas de fútbol, con e sen porteiros.
O adestramento, que hoxe contou ademais cos canteiráns Mujaid, Boian e o xuvenil Alberto, concluíu con 2 grupos. Mentres un deles disputaba un partido en espazo reducido no campo 2, o outro grupo completaba un circuíto físico con finalizacións no 3.
Non estiveron no céspede os tocados Salva Ruiz e Luis Ruiz, este con adestramento específico. Jovanović e Christian Santos adestráronse co readaptador, Fran Molano; e Koné, enfermo, quedou no seu domicilio.
Como é habitual estes últimos días, David Simón alternou exercicios co grupo con traballo de ximnasio.
Mañá xoves 23 de xaneiro, o cadro ten almorzo ás 9:30 e adestramento sobre o céspede a partir das 10:30 horas.