O Dépor reprograma a súa planificación e mantén hoxe a carga antes da xornada de descanso de mañá venres
O Deportivo reprogramou a súa planificación de traballo coa suspensión do Trofeo Emma Cuervo polo compromiso oficial do Unionistas de Salamanca na Copa Federación na xornada prevista para o vicedecano dos torneos estivais e a data do último amigable da Dépor Xira Integral Motion 2022 en Arteixo o domingo 21 ás 19:00 ante o Bergantiños CF.
Así pois hoxe xoves Borja Jiménez mantivo a carga de traballo con outra maratoniana xornada, de case dúas horas de duración, a base dun quecemento, un exercicio de posesión, unha tarefa de duelos e un partido dez contra dez. A sesión finalizou no céspede con traballo específico para os atacantes.
Mañá venres 19 de agosto o equipo ten día de descanso antes dos dous últimos adestramentos matinais do sábado e domingo no horario habitual das 10:30 en Abegondo previos ao amigable en Ponte dos Brozos.
Unicamente Diego Villares estivo con traballo personalizado mentres que Ibai Gómez continuou coa súa progresiva incorporación con tarefas co grupo e outras específicas co readaptador, Álex Canosa.
Jairo, Yeremay, Dani Barcia e Martín Ochoa foron esta mañá os representantes de #ANOSACANTEIRA ás ordes de Borja Jiménez.