RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor tomba a un aspirante ao ascenso (2-1)

O Deportivo venceu a un dos grandes candidatos ao ascenso, a SD Huesca, nun partido que comezou perdendo, ao que lle deu a volta antes do descanso e no que aguantou estoicamente na segunda parte para sumar 3 novos puntos rumbo á permanencia.

Fernando Vázquez, técnico deportivista, efectuou 4 cambios con relación ao encontro anterior, no Heliodoro Rodríguez López fronte ao CD Tenerife. Montero regresou ao once en lugar de David Simón, o que levou a Bóveda, central en Canarias, ao lateral dereito. Borja Valle entrou polo lesionado Uche Agbo na medular. En ataque, Aketxe supliu a Hugo Vallejo e Christian Santos a Sabin Merino.

Doutra banda, Álex Bergantiños disputou o seu partido oficial número 250 coa camiseta branquiazul, co que igualou a Manolete como 28º xogador de toda a historia deportivista con máis aparicións.

Non empezaron ben as cousas, xa que o Huesca adiantouse no marcador no seu primeiro achegamento. Rafa Mir, cabeceando inapelablemente un medido centro de Miguelón desde a dereita do ataque aragonés, bateu a Dani Giménez. Corría o minuto 8.

O Deportivo para nada descompúxose. Catro minutos máis tarde, Christian Santos tivo a oportunidade de lograr o empate. Aketxe botou unha falta lateral cunha tremenda 'folha seca', Montero devolveu a pelota de cabeza no segundo pau cara ao bordo da área pequena e alí o venezolano rematou de chilena moi por riba do traveseiro.

Pouco tardou, con todo, en chegar o tanto da igualada. Logrouno Aketxe cun canonazo marca da casa desde 25 metros no minuto 19. Foi o sétimo tanto do mediapunta vasco no que vai de campaña, que o converten no máximo anotador do equipo.

O Huesca respondeu o minuto 22 nunha acción a balón parado. Foi un córner xogado en curto para Sergio Gómez, que sacou un tremendo zapatazo que Dani Giménez rexeitou cara á súa esquerda. Dous minutos máis tarde, o gol estivo novamente en pés de Christian Santos. Un balón morto na área pequena despois dun córner que ninguén rematou nin despexou tocouno Mollejo e o internacional 'vinotinto' tentouno remachar desde o chan, pero atopouse co peito de Álvaro Fernández na súa saída desesperada.

Á media hora volveu tentalo Aketxe, nesta ocasión coa súa perna menos boa. O seu dereitazo, aínda que centrado, debido ao efecto que levaba puxo en serios problemas ao porteiro visitante, que rexeitou o coiro como puido.

Preto do descanso, o Deportivo adiantouse no marcador. Á terceira foi a vencida para Christian Santos, que anotou o seu quinto gol da temporada, o 2-1, nun espectacular remate acrobático, unha especie de media chilena, a centro de Salva Ruiz. O valenciano dobrara pola esquerda a Mollejo, que o lanzou cun fantástico toque de espuela.

Aínda tivo tempo o Dépor de ampliar distancias no tempo engadido, noutra 'bomba' de Aketxe que, aínda que se atopaba moi escorado, disparou a portería para esixir unha vez máis ao porteiro oscense, que só puido responder desviando o balón cos seus puños.

A segunda parte foi completamente diferente. O Huesca pasou a dominar o choque absolutamente e a xerar unha ocasión tras outra. No minuto 50, Sergio Gómez tentouno como na primeira parte, pero agora a pelota marchouse rozando o traveseiro. Catro minutos despois, Cristo estrelou un centro-chute no traveseiro. Nin Rafa Mir nin Pulido foron capaces de remachar o rexeite.

Ao cuarto de hora da continuación, o exdeportivista Luisinho fíxose coa pelota á saída dun córner. O seu disparo coa dereita foise lamiendo a escuadra dereita do portal coruñés. Dous minutos máis tarde, Sergio Gómez busco o pau contrario por baixo, ao que Dani Giménez respondeu cunha fenomenal estirada na que despexou o balón cara a un costado.

Antes da pausa de hidratación do segundo período, o cadro oscense gozou doutras dúas opcións. No minuto 68, Pulido cabeceou desviado con todo a favor, só no segundo pau. No 75, Rafa Mir recuperou un balón en tres cuartos de campo, antes de sacarse un trallazo lonxano que sacou achas do pau dereito do marco herculino.

O Deportivo non pisou a área visitante até o minuto 78, nun balón longo de Aketxe ás costas da zaga aragonesa ao que non chegou por pouco Sabin Merino. Catro minutos despois, Emre Çolak disparou moi alto de lonxe.

Fernando Vázquez cambiou entón o esqueleto do equipo ao retirar a Borja Valle para dar entrada a David Simón. Deste xeito, Álex Bergantiños adiantou a súa posición a mediocampo para colocarse xunto a Vicente Gómez e Bóveda colocouse como peche, entre Mujaid e Montero.

A Huesca acabáronselle o gas e as ideas e o Dépor defendeuse ben e, ademais, foi capaz de facerse co control do balón, con posesións moito máis longas que nos primeiros 35 minutos do tempo complementario. Así, Sabin Merino tivo a oportunidade de pechar o choque após unha gran acción coral. O dianteiro vasco rematou de socato un pase da morte de Emre Çolak, pero Álvaro Fernández rexeitou o coiro co seu pé esquerdo.

Deste xeito, o Deportivo sumou unha nova vitoria para manterse invicto desde o reinicio de LaLiga SmartBank (3 triunfos e 4 empates) cos que alcanza os 48 puntos, 4 por riba da zona de descenso cando restan 4 xornadas para a conclusión. Ademais, o equipo continúa co seu fenomenal desempeño en ABANCA-RIAZOR, con 6 vitorias e 4 empates nos 10 últimos partidos como local.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Álex Bergantiños, Montero, Salva Ruiz (Hugo Vallejo, min. 82), Borja Valle (David Simón, min. 82), Gaku Shibasaki (Vicente Gómez, min. 58), Aketxe, Christian Santos (Sabin Merino, min. 71) e Mollejo (Emre Çolak, min. 71).

SD Huesca: Álvaro Fernández, Miguelón (Mboula, min. 80), Josué Sá, Pulido, Luisinho, Mikel Rico (Juan Carlos, min. 80), Pedro Mosquera (Okazaki, min. 68), Cristo (Eugeni Valderrama, min. 68), Sergio Gómez, Rafa Mir e Ferreiro.

Goles: 0-1 Rafa Mir (min. 8); 1-1 Aketxe (min. 19); 2-1 Christian Santos (min. 43).

Árbitro: Ais Reig (c. valenciano). Cartón amarelo a Pulido (min. 29), Luisinho (min. 45+2), Gaku Shibasaki (min. 47) e Bóveda (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 38ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR a porta pechada debido á pandemia do Covid-19.