RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor tráese un punto de Tenerife que deberon ser tres (1-1)

O Deportivo salvou un punto in extremis no Heliodoro Rodríguez López, nun encontro que debeu gañar mercé a unha gran segunda metade, que se complicou por culpa dun penalti inexistente nos minutos finais e que arranxou Aketxe cun novo tanto no tempo engadido.

O adestrador branquiazul, Fernando Vázquez, modificou case a metade do once inicial que presentou o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR fronte á SD Ponferradina. Bóveda entrou en defensa por Montero, Salva Ruiz supliu no lateral esquerdo a Luis Ruiz, Gaku Shibasaki substituíu a Vicente Gómez na medular e na zona de ataque Hugo Vallejo e Sabin Merino ocuparon as posicións de Aketxe e Beauvue.

O partido comezou con alto ritmo por ambas as partes. O primeiro cuarto de hora deixou unhas cantas oportunidades claras de gol en ambas as porterías. O CD Tenerife gozou da primeira no minuto 2, nunha falta lateral que Luis Milla xogou en curto cara ao bordo da área, onde Aitor Sanz empalmou un potente dereitazo que Dani Giménez rexeitou cos seus puños. Na seguinte acción, David Simón protagonizou unha veloz internada polo extremo dereito, desbordando a todo aquel que lle saíu ao paso. O grancanario concluíu a acción cun durísimo disparo que o exdeportivista Ortolá rexeitou a saque de esquina.

Mollejo recuperou unha pelota nas inmediacións da área no minuto 9. O extremo zurdo cruzou en exceso o seu disparo, que se foi a córner ao rozar nun defensa chicharreiro. Dous minutos despois, Uche Agbo tentouno desde moi lonxe. Aínda que o seu tiro levaba gran velocidade perdeuse á dereita da portería local. A resposta tinerfeña chegou na seguinte xogada, na que Dani Gómez buscou as costas dos centrais deportivistas, baixou a pelota co peito e á media volta enganchouna de volea. Dani Giménez, ben colocado, detivo o coiro sen problemas. Recentemente superado o cuarto de hora, Luis Milla disparou cruzado de lonxe despois dunha longa posesión tinerfeñista.

Mediado o primeiro tempo ambos os equipos víronse obrigados a realizar un cambio por lesión. En primeiro lugar, o CD Tenerife tivo que substituír ao seu goleador Dani Gómez, que deixou o seu lugar ao arxentino Ramón Miérez. A continuación, Uche Agbo debeu abandonar o terreo de xogo após unha dura patada de Bermejo. Borja Valle entrou en lugar do nixeriano para ocupar a súa posición en mediocampo.

A partir deses cambios, o caudal ofensivo dos dous equipos decaeu até ser practicamente inexistente. Longas posesións, agora máis por parte do Deportivo, escasa profundidade e aínda menos lanzamentos a portería. O único destacable chegou no último minuto de tempo engadido, cando Sabin Merino e Mollejo conectaron ao bordo da área e o primeiro acabou probándoo desde a frontal da área. Álex Muñoz logrou taponar o disparo e o balón chegou mansamente ás mans de Ortolá.

O Dépor protagonizou un brillante segundo período, no que foi dominador único do encontro. Nos primeiros dez minutos xerou tres claras ocasións para adiantarse no marcador. No minuto 49, Gaku tentouno cun tiro afastado por baixo, que Ortolá sacou a córner a pesar da dificultade do bote do balón nas súas proximidades. Nese mesmo córner, Mollejo cabeceou por riba do traveseiro cando se atopaba só no segundo pau. Nun novo saque de esquina, no minuto 52, Sabin Merino rematou de calcaño no primeiro pau. Ortolá tirou de reflexos felinos para evitar o gol e provocar un novo córner. O mesmo finalizouno Salva Ruiz no segundo pau cun duro disparo que se perdeu por encima do traveseiro.

Á hora de xogo, David Simón e Aketxe combinaron no extremo dereito. O mediapunta vasco buscou por baixo a Sabin Merino, que rematou desde o bordo da área pequena. O balón estrelouse en Lluís López e perdeuse nun novo saque de esquina. Nese córner, Bóveda rematou de cabeza no segundo pau, pero fíxoo cara atrás ao chegar forzado polo seu marcador.

A entrada de Emre Çolak axudou a que se agudizara aínda máis o dominio deportivista. No minuto 73 produciuse a mellor xogada do partido. O turco meteu un balón interior desde a esquerda para Gaku. O nipón deixouna de calcaño ao primeiro toque para a chegada en velocidade de Salva Ruiz. O lateral esquerdo serviu desde a liña de fondo un pase da morte para Christian Santos. O zurdazo ao primeiro pau do venezolano, con todo a favor, rexeitouno Ortolá co pé. Tres minutos despois, o otomán tentou sorprender ao gardameta chicharreiro cun tiro lonxano e escorado. O coiro sacou, após botar na área pequena, sacou achas do pau esquerdo do portal tinerfeño.

O único achegamento, por chamalo dalgunha maneira, do CD Tenerife en toda a segunda parte traduciuse nun penalti inexistente de Mujaid sobre Joselu. O canteirán saltou con limpeza, cos seus brazos abaixo, para despexar de cabeza un centro de Álex Muñoz desde a esquerda do ataque canario. O colexiado deixouse enganar polos xestos de dor do xogador local e indicou o punto de penalti. O VAR nin sequera interveu ante unha acción cando menos dubidosa. Luis Milla transformou a pena máxima polo centro da portería para adiantar ao CD Tenerife.

Finalmente, o gran traballo do equipo coruñés tivo premio, de novo, no tempo engadido. Bóveda centrou desde a dereita ao segundo pau, Salva Ruiz devolveu o balón cara á área cun potente centro-chute que a defensa rexeitou en curto, deixando o coiro morto ao bordo da área. Alí chegou desde atrás Aketxe, que enganchou un canonazo por alto que superou a Ortolá, para facer o seu sexto tanto en LaLiga SmartBank e dar un punto que, aínda que sabe a pouco, achega un pouco máis ao Dépor ao obxectivo da permanencia.

Con este empate, os branquiazuis alcanzan os 45 puntos e seguen sen coñecer a derrota desde a continuación do campionato, con 2 vitorias e 4 empates.

CD Tenerife: Ortolá, Luis Pérez, Šipčić, Lluís López, Álex Muñoz, Moore, Luis Milla, Aitor Sanz, Joselu (Undabarrena, min. 85), Bermejo (Nahuel, min. 58) y Dani Gómez (Miérez, min. 22).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Bóveda, Álex Bergantiños, Mujaid, Salva Ruiz, Uche Agbo (Borja Valle, min. 25), Gaku Shibasaki, Hugo Vallejo (Aketxe, min. 59), Sabin Merino (Christian Santos, min. 70) e Mollejo (Emre Çolak, min. 70).

Goles: 1-0 Luis Milla, de penalti (min. 82); 1-1 Aketxe (min. 90+2).

Árbitro: Ortiz Arias (c. madrileño). Expulsou ao adestrador deportivista Fernando Vázquez (min. 84) e ao doutor Lariño (min. 84). Cartón amarelo a Aitor Sanz (min. 55), Lluís López (min. 63), Beauvue (min. 63), Mujaid (min. 80) e Mollejo (min. 81).

Incidencias: partido correspondente á 37ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio Heliodoro Rodríguez López a porta pechada debido á pandemia do Covid-19.