Co seu triunfo, onte domingo, na Final de Campións fronte ao CD Castellón, o Deportivo proclamouse campión de Primera Federación, o terceiro da historia da nova terceira categoría, o que converte ao equipo branquiazul no único equipo en conquistar o título nas tres primeiras divisións do fútbol español.
O Deportivo proclamouse campión de Primeira División na Temporada 1999-2000 e de Segunda División no curso 2011-2012. A categoría de prata tamén viviu éxitos deportivistas en 1961-1962, 1963-1964, 1965-1966 e 1967-1968, pero entón estaba composta por dous grupos e non existía un só campión. Unha marca comercial organizou durante aqueles tempos o chamado trofeo de campións, que nunca obtivo a oficialidade por parte da RFEF.
Do mesmo xeito, os branquiazuis foron campións do grupo 1 de Terceira División na campaña 1974-1975. Pero a categoría tiña catro grupos e non houbo partidos para definir un único campión.
O terceiro chanzo da pirámide de ligas españolas sempre estivo conformado por varios grupos. O Real Betis Balompié, que foi campión de Primeira División no curso 1934-1935, e de Segunda División en numerosas ocasións, a primeira delas en grupo único no exercicio 1931-1932, foi primeiro clasificado do Grupo 6 de Terceira División na campaña 1953-1954. Non houbo ningún torneo para definir un só campión da categoría. Como curiosidade, o CD Juvenil, entón filial do RC Deportivo, esa mesma temporada foi campión do Grupo 1, logrando o ascenso directo a Segunda División xunto ao conxunto sevillano, ao Sestao SC (grupo 2), Terrassa FC (grupo 3), CF Extremadura (grupo 4) e Levante UD (grupo 5).
A terceira categoría nacional, primeiro chamada Terceira División, despois Segunda División B e desde fai tres anos Primera Federación, nunca contara cun campión único até a campaña 2008-2009. Os campións únicos de Segunda B foron Cádiz CF (2008-2009), Granada CF (2009-2010), Real Murcia CF (2010-2011), Real Madrid Castilla (2011-2012), Deportivo Alavés (2012-2013), Albacete Balompié (2013-2014), Real Oviedo (2014-2015), UCAM Murcia CF (2015-2016), CyD Leonesa (2016-2017), RCD Mallorca (2017-2018) e CF Fuenlabrada (2018-2019). Nas dúas campañas posteriores non se disputou final debido á redución do calendario pola pandemia de COVID-19. A eliminatoria polo título retomouse xa coa denominación de Primera Federación, resultando campións Real Racing Club de Santander (2021-2022), SD Amorebieta (2022-2023) e RC Deportivo (2023-2024).
O RC Deportivo é o único deses 14 campións da terceira categoría que foi campión de Primeira División, por tanto é o único Club que pode dicir que conquistou o título nas tres categorías.