RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor volve caer (1-0)

Após a esperanzadora vitoria da pasada fin de semana fronte ao Guijuelo, Rubén de la Barrera apostou pola continuidade no once para buscar o segundo dos vitais triunfos para poder seguir soñando cos primeiros postos da clasificación. Enfronte un Racing de Ferrol co mesmo obxectivo que os branquiazuis, polo que o partido tivo o esperado guion da igualdade.

Empezou metendo balóns á área o equipo local nunha falta lateral colgada por Álex López que obrigou a Lucho García a saír de puños antes de que o remate dos verdes marchásese desviado. Tres minutos despois repetiuse a escena, pero en xogada e con Seoane centrando, que obrigou ao corte da zaga branquiazul nunha acción que acabou embarullada e cun disparo desde a frontal tamén alto.

Vinte e cinco minutos houbo que esperar para que o Dépor pisase área rival pero logrou facelo coa mellor ocasión até ese momento. Bóveda por banda dereita combinou con Rayco que gañou liña de fondo para pór o balón ao segundo pau, onde Héctor Hernández conseguiu rematar seco e duro abaixo para obrigar a intervir a Diego Rivas. Un Diego Rivas que na xogada seguinte volveu salvar ao seu equipo sacando con apuros o remate de cabeza picado de Uche á saída do córner. Tres saques de esquina consecutivos e o disparo de Héctor pecharon o primeiro asedio branquiazul no partido. Non puido ter unha ocasión mellor minutos despois Raí porque ao recibir un pase filtrado co que quedaba só diante do porteiro, os colexiados sinalaron un fóra de xogo inexistente.

Villares desviado desde a frontal ao cazar un rexeite da zaga do Racing e unha rápida contra inciada por Lara e completada por Eneko, que centrou raso ao momento de penalti para o remate de Raí, atallado pola perna de Quintana, puxeron o epílogo ao primeiro tempo.

Entre a xeira de ocasións e o descanso, moito fútbol no centro do campo, presión, xogo duro e dificultade para mover o balón nun partido trabado e practicamente sen chegadas que no segundo tempo foi máis do mesmo.

A diferenza, a puntaría do Racing nada máis renovarse o partido. Un disparo raso cruzado de Pep Caballé ante o que nada puido facer Lucho serviu para pór o 1-0, ao cabo final, no marcador. O 2-0 puido chegar por mediación de Elsinho que, de cabeza, obrigou a unha boa intervención do noso gardameta.

O Dépor tentou buscar o empate aínda que poucas ocasións logrou xerar para iso. Rayco dubidou disparar coa zurda cando encaraba a Diego Rivas e Fornos aproveitou a dúbida para roubarlla e iniciar unha contra na que Mujaid gañoulle a partida a Joselu que o tentou en xogada individual.

O autor do gol, Pep Caballé, bateu co interior nunha boa ocasión que supuxo a última chegada clara do Racing con vinte minutos aínda por diante. Nese tempo unha falta directa de Borja Galán lanzada con demasiada rosca, un remate picado de Beauvue entrando desde atrás e obrigando a unha gran intervención de Diego Rivas foi toda a bagaxe ofensiva do Dépor que estivo preto de supor polo menos un empate que nunca chegou.

Racing de Ferrol: Diego Rivas, Seoane, Pumar, Jon García (Jeferson Quintana min. 20), Quique Fornos, Álex López (Juan Viacava, min. 66), Elsinho, Peñaloza, David Rodríguez (Dani Neto, min. 61), Pep Caballé e Joselu.

RC Deportivo: Lucho García, Bóveda, Granero, Mujaid, Héctor, Agbo, Borges (Keko, min. 63), Villares, Raí, Lara (Borja Galán, min. 63) e Rayco (Claudio, min. 73).

Goles: 1-0 Pep Caballé (min. 58).

Árbitro: Pardeiro Ponte (c. cántabro). Amoestou a Mujaid (min. 28), Jeferson Quintana (min. 36), David Rodríguez (min. 54), Seoane (min. 72), Borja Galán (min. 81), Joselu (min. 90).

Incidencias: partido da 15ª xornada da Segunda División B, Grupo 1-A, disputado no Estadio da Malata a porta pechada.