RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAFORZA

O deportivismo sitúa a afluencia a ABANCA-RIAZOR esta temporada entre as mellores da súa historia

O deportivismo está a responder esta temporada, a cuarta consecutiva no terceiro chanzo do fútbol español, cunha das mellores medias de asistencia a ABANCA-RIAZOR desde que existen rexistros oficiais a través dos tornos de acceso, en 2005.

A afección branquiazul comezou o curso elevando a cifra de abonados a unha das maiores da súa historia (28.346), cantidade só superada nos cursos 2000-01, 2001-02, 2002-03 e 2003-04, todos en Primera División e en Liga de Campións. Pero tamén está a dar a talla en canto a afluencia a ABANCA-RIAZOR, que sempre se move en varios miles por baixo do número de socios.

O presente curso en ABANCA-RIAZOR a asistencia superou os 20.000 afeccionados en 7 dos 11 partidos: RC Celta Fortuna (25.672), CD Teruel (22.161), UE Cornellà (22.130), SD Ponferradina (21.310), CF Fuenlabrada (21.290), CF Rayo Majadahonda (20.649) e Gimnàstic de Tarragona (20.063). Os outros 4 encontros foron: Real Sociedad B (19.715), SD Logroñés (18.557), Sestao River Club (17.950) e CA Osasuna Promesas (16.637).

Estas cifras sitúan a afluencia media a ABANCA-RIAZOR no campionato ligueiro por riba dos 20.000 espectadores por primeira vez desde o último curso en Primeira: 20.558 afeccionados por encontro.

Nunha primeira ollada ás cifras chaman poderosamente a atención tres cousas: é unha cantidade similar á da última temporada en Primeira División, é un número que supera ao conseguido na campaña do último ascenso á máxima categoría e supera con fartura a media de asistencia das 6 temporadas en Primeira entre 2005 e 2011.

O primeiro dos puntos é a cifra da última campaña en Primeira, a 2017-18, na que se alcanzaron os 20.647 espectadores por partido, unhas poucas decenas máis que no presente exercicio.

O segundo dos puntos é a comparación coa temporada do último ascenso a Primeira División. No curso 2013-14 a afluencia media non chegou aos 20.000 afeccionados: 19.637.

Por último, as 6 últimas das 20 campañas consecutivas en Primeira División quedan a anos luz da media do presente exercicio. A asistencia media a ABANCA-RIAZOR non superou os 18.500 espectadores en ningunha delas e mesmo en 4 non chegou aos 16.000 afeccionados. Na 2005-06 a media foi de 17.303 espectadores; na 2006-07 quedou en 15.944; na 2007-08 descendeu a 15.777; na 2008-09 baixou a 15.711; na 2009-10 caeu até os 15.470; e na 2010-11 subiu até os 18.435, grazas sobre todo aos últimos partidos nos que cada socio podía convidar a tres acompañantes por só 5 euros cada un.  

A marca de asistencia media tena a temporada 2012-13, que rematou con descenso a Segunda, con 23.864 afeccionados. Séguenlle a campaña 2015-16, segunda consecutiva na máxima categoría, con 23.797; a 2016-17, terceira seguida en Primeira, con 22.651; e a 2014-15, primeira tralo segundo ascenso, con 21.254. A continuación xa se atopan a última temporada na división de honra e o curso actual.

A título comparativo, as cifras durante as últimas temporadas tamén distaron moito das actuais.

No curso 2018-19, o do frustrado ascenso en Mallorca, a media foise até os 17.656 afeccionados. Nesta campaña hai que ter en conta os peches parciais que sufriu o estadio debido ás obras de reforma da cuberta de ABANCA-RIAZOR. A temporada seguinte, a do descenso a Segunda B, a media de afluencia quedou en 17.476 espectadores nos 15 partidos con público antes do estalido da pandemia mundial de COVID-19.

A temporada 2020-21 desenvolveuse na súa totalidade a porta pechada ou con aforamento limitado. No caso do curso seguinte, o 2021-22, caeu á cifra máis baixa desde que hai rexistros: 14.404 afeccionados por encontro nos 17 partidos co estadio aberto na súa totalidade. A pasada campaña, a asistencia media subiu até os 19.532 afeccionados por partido. Por último, hai que destacar que non existen rexistros da temporada 2011-12, a que viu ao Deportivo por primeira vez en Segunda División despois de dúas décadas consecutivas na elite.