O Real Club Deportivo e o Hockey Club Liceo chegaron a un acordo de patrocinio para que os dous clubs máis importantes de Galicia por palmarés e repercusión social unan nominalmente as súas marcas no mundo do hockey buscando potenciar o deporte local e ter máis calado como entidades na cidade da Coruña e no deporte rexional e nacional.
O Deportivo e o Liceo, a través dos seus presidentes, Tino Fernández e Daniel Echeverría, presentan esta mañá ás 12:30 nas instalacións do Colexio Liceo A Paz, berce do Club colexial, o acordo polo que o Dépor, a través da súa Fundación, apoia ao Club de hockey converténdose no seu patrocinador.
Mantendo o principio de total independencia xurídica e económica entre ambas as institucións, o elemento máis destacado deste convenio é que, desde agora e durante o próximos catro anos e medio, tempo de mandato das actuais directivas de ambas as entidades, o Club de hockey pasa a denominarse Deportivo Liceo e a vestir de branquiazul, conservándose, iso si, a histórica camiseta verdibranca como segundo equipamento de todos os equipos de hockey.
Esta vinculación, máis visible a nivel de imaxe e marca, completarase cunha dotación económica a tavés da Fundación Real Club Deportivo da Coruña SAD e de servizos que o Deportivo proverá ao Liceo: oficinas e salas de reunións no Estadio ABANCA-RIAZOR, uso de instalacións da DéporClínica, apoio en servizos médicos e de fisioterapia, córner na DéporTienda e coordinación en todo o referente á proxección pública e social de ambas as marcas e entidades.
Con este acordo de patrocinio unen a súa forza de marca os dous Clubs máis importantes de Galicia.
Por unha banda, o Real Club Deportivo, equipo máis antigo do fútbol galego, fundado en 1906, único que conseguiu todos os títulos oficiais a nivel estatal e Club que conta co maior apoio social da comunidade, actualmente con máis de 23.000 socios.
Pola outra o Hockey Club Liceo, o equipo máis laureado do deporte profesional galego, a única entidade que foi capaz de gañar todos os títulos oficiais nacionais e internacionais aos que pode aspirar un Club de Hockey.
O Liceo, sempre acompañado de apelidos comerciais que proxectaron por todo o mundo, ten desde hoxe como nomee propio o da outra institución que fai internacionalmente coñecida á cidade da Coruña.
Hoxe empeza unha nova andaina para seguir crecendo xuntos, o Deportivo Liceo.