RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, con Martín Ochoa, recibe en Abegondo mañá á SD Covadonga nun partido "importante para volver gañar"

O Fabril recibe mañá domingo 11 de febreiro en Abegondo (17:00, Youtube RC Deportivo e TVG-2) á SD Covadonga en choque correspondente á 22ª xornada no subgrupo 1º de Segunda Federación.

En rolda de prensa, Óscar Gilsanz admitiu que os futbolistas arrincaron a semana de traballo "fastidados polos 2 puntos que se nos foron no desconto en Aranda de Duero pero xa pensando no próximo rival".

O técnico fabrilista cualifica o choque de "importante para todos, para o rival tamén, para nós, para os xogadores volver gañar".

Coa última derrota do filial en liga foi o pasado 17 de decembro en Pasarón contra o Pontevedra CF, subliña que é "unha boa serie sen perder pero necesitamos vitorias para sumar de 3 en 3".

A Fabril marcha en 13ª posición con 24 puntos.

Son baixa para o partido Rubén, citado co primeiro equipo; e Diego Gómez, "que aínda segue convalecente", segundo lembrou Óscar Gilsanz.

Os xuvenís Kevin, Mardones e Manu Berrocal completan a convocatoria.

Si recupera o filial a Martín Ochoa (na foto da noticia), que xa onte venres adestrouse co equipo. "Para calquera adestrador contar co maior número de xogadores sempre é mellor. É mellor ter opcións para poder elixir que non telas. Para nós é positivo, para o Club é positivo que poida ter minutos. Veremos o que se fai con el pero calquera dispoñibilidade de xogadores para o Fabril é bo", apuntou o preparador fabrilista.

Na primeira volta entre os dous equipos disputada o pasado 1 de outubro de 2023 no campo Juan Antonio Álvarez Rabanal venceu o Fabril (0-3) con goles de Kevin, Diego Gómez e Rubén López.

A SD Covadonga, que a pasada fin de semana freou no seu campo (2-2) ao colíder Ourense CF, chega ao choque 17º (penúltimo) con 17 puntos.

Na presente liga lonxe de Oviedo, o conxunto asturiano gañou ao Racing Villalbés (1-2); empatou co Rayo Cantabria (0-0); e caeu ca Arandina CF (2-1), Ourense CF (3-1), Real Valladolid Promesas (3-1), CD Cayón (3-1), Coruxo FC (3-1), Real Oviedo Vetusta (5-0), Zamora CF (2-0) e SD Compostela (2-0). "É máis forte como local que como visitante pero xa sumou co Raio Cantabria nun campo complicado", resalta Óscar Gilsanz.

O seu máximo goleador, Ari, admitiu nas redes sociais do CD Covadonga que "nos está custando xogar fóra de casa. É normal. Somos un equipo novo na categoría que moitos de nós non visitaramos moitos dos campos. Estamos a crecer xornada a xornada, cada vez xogamos mellor fose e imos ver se podemos dar ese último plus para que cheguen puntos, que é o que nos vai a axudar a conseguir o obxectivo".

O dianteiro azulón cualifica ao Fabril como "un moi bo equipo. Aquí demostrárono. Foron do mellor que pasou por aquí en toda a temporada pero fóra de casa (en Langreo en Copa del Rey) competimos contra o primeiro equipo do Dépor, porqué non imos competir contra o filial?"

O Club mantén activado o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.