RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Triunfo fabrilista en Valladolid con remontada incluída no último cuarto de hora

O Fabril sumou os seus 3 primeiros puntos da temporada ao vencer nos Anexos ao Novo Zorrilla ao Real Valladolid Promesas (1-2) na 2ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Adiantáronse os locais aos 16 minutos pero no último cuarto de hora de partido os fabrilistas déronlle a volta ao resutado, favorecidos tamén por dous graves erros valisoletanos.

Na primeira xornada, o conxunto de Óscar Gilsanz caeu de maneira inxusta en Abegondo ante o Real Ávila CF (0-1). 

Tamén perdeu o filial valisoletano, pola mínima (1-0) pero lonxe de Valladolid, concretamente en Pasarón ante un Pontevedra CF que volve aspirar ao ascenso.

Álex Pereira e Kevin Sánchez perdéronse o partido por lesión no bando fabrilista.

Saíu mellor o Valladolid ao partido. Aos 11 minutos, Xavi Moreno recibe en banda dereita, recorta cara a dentro e o seu disparo estrélase no pau esquerdo da meta de Alberto.

Pouco despois, Frimpong adiantou ao seu equipo. O atacante valisoletano aproveitouse dun mal despexe da defensa fabrilista, que deixou o balón morto na área, para fusilar a Alberto.

O primeiro tempo finalizou cun intercambio de golpes entre os dous equipos aínda que sen reflexo no marcador.

Após o descanso, o encontro seguiu coa mesma tónica.

Óscar Gilsanz moveu o banco coa entrada de Mardones, Damián Canedo e Noé no minuto 53.

No 76 o choque cambiou de rumbo. Marotías saca un córner directo e Fer Pérez atalla pero dentro da portería. O colexiado deu validez ao tanto.

A partir de aquí o Fabril impúxose no partido ante un rival nervioso.

Tres minutos despois, Iago Parente tenta saír co balón controlado, Luisao róuballo e bate de novo a Fer Pérez.

Os fabrilistas mesmo puideron aumentar a súa renda ante un Valladolid Promesas esvaecido.

Con estes 3 puntos, o vindeiro sábado 14 de setembro o Fabril recibirá ás 20:00 horas (YouTube RC Deportivo) en Abegondo á SD Compostela. 

Real Valladolid Promesas: Fer Pérez, Ortuño, Verde (Mariano, min. 75), Frimpong, Sergi, X. Moreno (Pascu, min. 75), J. Delgado (Gabriel, min. 86), Iago Parente (Yago S.M., min. 86), Alin, Hugo San e Rulo (Ivorra, min. 60)

Fabril: Alberto, Kike Teijo (Mardones, min. 53), Aarón (Damián Canedo, min. 53), Marotías, Íker Vidal, Jaime Garrido (Noé, min. 53), Alfaro, Fabián (Hugo Villaverde, min. 85), Guerrero (Dylan, min. 79), Luisao e Darío Germil

Árbitro: Adrián Vega Portilla, do comité cántabro. Amoestou a Aarón (min. 23), Fabián (min. 31), Jaime Garrido (min. 44), Kike Teijo (min. 50), Sergi Esteban (min. 50), Álex Alfaro (min. 60), Noé (min. 72) e Mariano (min. 90)

Goles: 1-0 Frimpong (min. 17); 1-1 Marotías (min. 76); 1-2 Luisao (min. 79)

Incidencias: Partido correspondente á 2ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado nos campos anexos ao Estadio José Zorrilla