RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril "con moita falta de axuste" iniciou a liga cunha inxusta derrota ante o Real Ávila CF

Un renovado Fabril iniciou a liga no grupo 1º de Segunda Federación con derrota (0-1) inxusta en Abegondo ante o Real Ávila CF. Miguel de la Fuente, adestrador do equipo castelán, cualificou na sala de prensa ao filial deportivista como "moi bo equipo, moi ben traballado. Hoxe tivemos ese chisco de sorte de adiantarnos e xogar co marcador. Ves o partido e o máis xusto fora un empate".

O conxunto fabrilista sufriu unha transformación no seu vestiario coa chegada das novas incorporacións: Aarón Sánchez, Jaime Garrido, Dylan Iglesias, Íker Vidal, Nsongo Bil, Fadil Montapon, Darío Germil, Damián Canedo, Luisao, Fabián e Quique Fernández, os 3 últimos confirmados esta mesma semana.

En rolda de prensa, Óscar Gilsanz recoñeceu que "falta moito axuste porque hai moita xente nova pero o que se viu no campo foi un Fabril que permitiu pouco ao rival".

O encontro deixou o debut en Segunda Federación dos xuvenís Dani Estévez e Noé na recta final; con Adrián Guerrero (na foto da noticia) no once inicial. "É unha parte da nosa función. Aos poucos hai que ir sumando futbolistas de Abegondo á causa e tratar de que vaian asomando a cabeza. Tentaremos que o rendemento sexa bo por parte deles. Están a facer un traballo diario moi bo. Tanto Adrián, como Dani, como Noé como o resto de xogadores que está a adestrar connosco e que veñen de abaixo teñen que ter ese espazo para saber que aquí se segue traballando", declarou nese aspecto o preparador fabrilista.

Despois dun inicio igualado, adiantouse o Real Ávila CF aos 25 minutos de xogo nunha xogada que parecía sen perigo. O balón chégalle a Mario Rivas na área fabrilista após un despexe en falso da zaga e o balón, após tocar nun defensor, cóase na portería despistando ao porteiro Alberto.

O técnico do Fabril cualificou ante os medios de comunicación de "infortunio" unha acción que decidiría o partido.

A partir de aquí comezaron os mellores momentos do Real Ávila CF, que cortocircuitó ao filial até o final da primeira metade.

Após o descanso o Fabril deu un paso adiante e, aínda sen crear excesivas ocasións, si encerrou por momentos aos casteláns na súa área.

O adestrador abulense explicou que "aínda que non queres que o equipo se bote atrás inconscientemente vas gañando 0-1, fóra de casa, ves a camiseta do Deportivo, aínda que sexa o segundo equipo, non deixa de ser a camiseta do Dépor, e botas un pasiño atrás porque empezas a ver terra á vista".

No entanto, puido matar o partido o Real Ávila no minuto 88. Dani Tena remata unha falta lateral e Alberto saca nunha gran parada en primeira instancia e un defensor baixo paus no rexeite.

Con todo Alfaro tivo nas súas botas o empate no minuto 92. Marotías colga unha falta no medio do campo á área, Noé deixa co peito a Álfaro quen, algo escorado pero totalmente libre de marca, estrela o balón no corpo do porteiro Álvaro de Pablo e o rexeite sae rozando o traveseiro.

Con esta gran oportunidade para sumar un punto máis que merecido acabou o encontro.

Óscar Gilsanz queda con que o Fabril "estivo a bo nivel en defensa, cun importante grao de compromiso nese aspecto a pesar de haber moitos xogadores de ataque. A última liña son futbolistas moi verticais, que tiveron un sacrificio importante a nivel defensivo. Quedo con ese compromiso do grupo, con ese querer mostrarse e facer cousas que nos levou ás situacións que xeramos en ataque".

A próxima fin de semana, o Fabril visita ao Real Valladolid Promesas.

Fabril: Alberto Sánchez, Quique Teijo (Mardones, min. 77), Aarón (Dani Estévez, min. 83), Marotías, Íker Vidal, Jaime Garrido, Alfaro, Guerrero (Dylan Iglesias, min. 67), Fabián (Noé, min. 77), Luisao e Darío (Nsongo Bil, min. 83).

Real Ávila CF: Álvaro de Pablo, Carlos Pascual, Adilson (Adri Carrión, min. 62), Campos (Ayoub, min. 75), Sissè (Dani Tena, min. 58), Mario Rivas, Toper (Alberto Martín, min. 62), César Llopis, Alpha, Fer Díaz (Doumbia, min. 58) e Vitolo.

Árbitro: Juan Francisco Morato Vega, do colexio rioxano. Amoestou a Aarón (min. 48), Sissè (min. 53), Vitolo (min. 75) e Jaime Garrido (min. 87); ademais do preparador físico fabrilista Álex Carballo (min. 75)

Goles: 0-1, Mario Rivas (min. 25)

Incidencias: Primeira xornada de liga no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo