O Fabril cítase coa SD Compostela mañá sábado 14 de setembro ás 20:00 (YouTube RC Deportivo) nun escenario pouco habitual para o filial: ABANCA-RIAZOR.
As obras de remodelación da Cidade Deportiva aconsellan nesta ocasión o traslado deste encontro ao estadio.
Óscar Gilsanz apresúrase a afirmar que o equipo vive esta situación "con normalidade. Para nós é un partido máis en canto á preparación, en canto á formulación, en canto a todo".
Iso si, admite o preparador fabrilista que "xogar nun escenario como ABANCA-RIAZOR para todos é bonito. Ver de preto o que sente tamén é bo para o mozos do filial".
A esta 3ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación, os branquiazuis son novenos na táboa con 3 puntos, os sumados o pasado sábado en Valladolid ante o Real Valladolid Promesas (1-2).
O técnico do Fabril asegurou ante os medios que a intención é "ir mellorando cos mozos independentemente do escenario"
Son baixa Álex Pereira e Manu Ferreiro; pero regresa Kevin Sánchez (na foto da noticia), que esta semana se foi incorporando ao traballo de grupo.
O xuvenís Guerrero, Noé e Pablo García completan a citación.
Pola súa banda, a SD Compostela, que a pasada fin de semana empatou (2-2) no Estadio Vero Boquete co Pontevedra CF, suma 1 punto situado na décimo terceira posición.
Para este choque conta coas baixas de Diego e de Manu Barreiro, lesionados.
Ambos os equipos víronse as caras nesta pretemporada no Memorial Antonio Bermúdez, que caeu ao lado santiagués por 3-0.
Antón Permuy, técnico compostelanista, teno claro: "A inacción deles vai distar moito da que foi aquí. Son os que máis cambios fixeron polo menos no que se está vendo en liga. A pretemporada nada ten que ver coa liga. Xogamos fóra, non en casa. Vai ser un partido moi diferente ao que se viu aquí".
Espera un filial "clásico, de moito nivel que necesita partidos como nós para ir adaptándose á categoría. Desde que Óscar Gilsanz está con eles ano a ano vai evolucionando. Desde o play off que fixeron en Tercera, ao ano seguinte gañaron a liga, manterse o ano pasado e este asentarse. É o obxectivo deles. Teñen xogadores xa con experiencia na categoría. É un equipo novo que como todos os filiais irá de menos a máis seguro".
O RC Deportivo activa o protocolo de apertura con rexistro de asistentes de ABANCA-RIAZOR.
Poden retirar entradas, en principio para Tribuna Inferior, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
Así mesmo, está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.