RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril "respondeu ben" ante o Compos e o cambio de escenario, ABANCA-RIAZOR por Abegondo

O Fabril impúxose con todo merecemento (2-0), con goles de Aarón e de Kevin Sánchez na segunda metade, á SD Compostela nun escenario pouco habitual para o filial: ABANCA-RIAZOR.

Con este resultado, suma 6 puntos de 9 posibles na clasificación.

As obras de remodelación da Cidade Deportiva aconsellaron nesta ocasión o traslado deste encontro ao estadio.

"Como dicía na previa, tratamos de darlle normalidade. Yeremay dicía que o céspede é verde e o balón redondo entón tratamos de darlle normalidade e non quitarnos nada que puidese despistar aos mozos do fútbol, do partido", subliñou Óscar Gilsanz nos medios de comunicación.

Si admitiu que o escenario, ABANCA-RIAZOR, "dinos moitas cousas e a xente que levamos aquí tempo o simple feito de estar aí abaixo dinos moitas cousas".

Hugo Villaverde foi a novidade no once inicial. O canteirán disputaba un partido de inicio por primeira vez após a súa grave lesión: "Pasou uns meses complicados máis que no aspecto físico, cando un xogador se lesiona no seu último ano de xuvenís córtalle un pouco todas as expectativas que ten na súa cabeza. Falei con el hai unhas semanas e díxenlle que lle faltaba no aspecto condicional para ir entrando. Hoxe cremos conveniente darlle minutos desde o principio. Fixo un bo traballo. Saíu do campo subíndoselle os xemelgos como era previsible. Fáltalle aínda", recoñeceu o adestrador fabrilista.

Do partido, Antón Permuy, técnico compostelanista, foi tallante na sala de prensa: "Foron superiores. Foi insuficiente o noso partido".

A primeira parte foi vistosa para os ao redor de 1.500 afeccionados presentes nas bancadas, incluídos dous centenares de santiagueses.

"En ataque producimos moi pouco salvo os 10 primeiros minutos que entramos ben ao partido", declarou Permuy en alusión a unha xogada na que Hugo Matos tivo nas súas botas o 0-1 no minuto 6 nunha gran acción persoal. O seu disparo raso sacouno Alberto nunha gran parada".

A partir de aquí, segundo Óscar Gilsanz, "o equipo respondeu ben. Xogamos ante un rival que nos esixe moito sobre todo pola súa estrutura, por esa presión alta... Fomos crecendo".

Aos 17 minutos, Guerrero estrela un balón no poste da meta santiaguesa nunha gran acción de toda a parte ofensiva fabrilista.

Pouco despois, Aarón pon en apertos á meta Rabanillo noutra boa acción fabrilista.

A última ocasión do primeiro tempo foi para Darío Germil, pero o seu chute sálvao o porteiro santiagués, quizais o mellor xogador sobre o céspede.

A segunda metade arrincou cunha ocasión de novo para Darío Germil, que xutou lixeiramente desviado nunha rápida transición branquiazul.

O preparador fabrilista apunta que "nos duelos estivemos ben, fortes e xeramos ocasións suficientes tanto na primeira como na segunda para o marcador".

Por conseguinte era mellor o Fabril, que se adiantou no marcador no minuto 57. Após un saque de esquina, o balón chégalle a Aarón na área e remata espectacularmente de media volea á rede, lonxe do alcance de Rabanillo.

O filial seguiu creando perigo e tampouco sufría en exceso en defensa.

Antón Permuy tenta desde o banco compostelanista axitar a árbore con 4 cambios simultáneos.

O Compos apertou pero Kevin, que tamén volvía após a súa lesión muscular, aumentou a renda no minuto 74. Recibiu entre liñas de Alfaro ao espazo e cun toque sutil salva a saída de Rabanillo.

Aínda por riba, o central David Soto viu a súa segunda amarela e por conseguinte deixou ao seu equipo con 10 futbolistas. Esta circunstancia sentenciou o encontro.

Os fabrilistas acumularon ocasións de gol na portería de Rabanillo como unha de Kevin que salva o meta compostelanista.

A última foi para o camerunés Nsongo Bil xa no desconto pero o seu disparo cruzado toca lixeiramente no poste dereito da portería do Compos e sae fóra.

Ao final, triunfo xusto do Fabril, superior ao seu rival cando este estaba con 11 e por suposto con 10.

O vindeiro domingo 22 de setembro ás 17:00, o equipo branquiazul visita ao Pontevedra CF en Pasarón. "É un campo difícil, complicado, onde o rival che somete moito, faiche xogar moitos minutos lonxe da súa portería. O ano pasado fixemos un gran partido e perdemos 4-1. Iso indica a dificultade que ten o partido", indicou Óscar Gilsanz respecto diso.

Fabril: Alberto, Quique Teijo (Pablo García, min. 70), Aarón, Marotías, Íker Vidal, Alfaro, Jaime Garrido, Hugo Villaverde (Kevin Sánchez, min. 57), Guerrero (Mardones, min. 70), Luisao (Noé, min. 80) e Darío Germil (Nsongo Bil, min. 80)

SD Compostela: J. Rabanillo, Roque, Pablo Crespo (Kike, min. 65), David Soto, Hugo Matos (Giuliano, min. 55), Ocaña (Manu Rivas, min. 65), Samu, Landeira (Óscar Gil, min. 65), Pablo Antas (Alvaro Casas, min. 65), SD Prado e Fer Cano

Árbitro: Alberto Gómez Lameiro, do comité galego. Amoestou a David Soto (min. 26 e min. 78), Fer Cano (min. 31), Álex Alfaro (min. 87) e Nsongo Bil (min. 90)

Goles: 1-0 Aarón (min. 57); 2-0 Kevin Sánchez (min. 74)

Incidencias: Partido da 3ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en ABANCA-RIAZOR ante uns 1.500 espectadores

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK