Óscar Gilsanz lembra que a meta do Fabril en Segunda Federación é "ir formando pero á vez ir competindo"
Óscar Gilsanz manifestou na sala de prensa de Abegondo que neste reto do Fabril "con este novo ciclo de moitos xogadores novos, outros que veñen do Xuvenil A, doutras canteiras é ir formando pero á vez ir competindo porque a xente que nos segue quere ver boa imaxe, bo fútbol, quere ver que o equipo compite, que os xogadores están o máis preto posible do primeiro equipo. E iso conséguese xogando ben ao fútbol e competindo cada domingo".
Nesta liña, insiste en que Ismael Arilla, novo Director de #ANOSACANTEIRA, "pídenos formar xogadores. É certo que a competición forma parte da formación pero pídenos sobre todo que cando Imanol Idiakez mire para o filial teña xogadores que poidan axudar e que eses xogadores cumpran a función para a que se crea un filial que é a de achegar aos futbolistas ao primeiro equipo".
Ve nesta Segunda Federación da que levan 2 partidos "moita igualdade. Xa o había o ano pasado tamén. Cada vez o fútbol está máis igualado, cada vez os equipos están mellor preparados, os futbolistas son máis profesionais, adestran mellor, todas as posibilidades chegan a todos os equipos co cal a igualdade é a tónica común todos os anos".
Así pois, o técnico fabrilista lembra que "no fútbol de hoxe en día hai que estar sempre no partido, os que estás mellor, os que estás peor porque é moi importante ser capaz de competir e de sobreporche ao rival mesmo cando non estás dentro do partido ou dentro da competición".
Destacou da SD Compostela, rival este sábado 14 de setembro ás 20:00 horas (YouTube RC Deportivo) en ABANCA-RIAZOR, que é un equipo "con moita personalidade, nesta temporada un equipo moi reconocible, cunha presión alta moi intensa, con capacidade para ter balón e para atacar con xogo máis directo".
Advirte que ten "unha capacidade competitiva moi alta. En Pontevedra houbo momentos do partido que foi superior. É un equipo moi ben traballado cos seus adestradores. Espero un partido difícil ante un rival moi ben traballado".
Finalmente Óscar Gilsanz cre que o Compos é "un dos clubs importantes por historia, por afección, pola profesionalidade que teñen. É un equipo que vai estar arriba e vai pelexar por ese play off".