RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril reencóntrase ante o CD Covadonga coa vitoria despois de catro empates consecutivos

Despois de catro empates consecutivos ante (por esta orde) Real Oviedo Vetusta, Rayo Cantabria, Marino de Luanco e Arandina CF, o Fabril reencontrouse esta tarde coa vitoria (4-1) no seu partido en Abegondo ante o CD Covadonga.

Con este resultado, o conxunto fabrilista suma 27 puntos e sitúase na 12ª posición da clasificación, nun pelotón formado por Real Avilés Industrial e Coruxo FC (29 puntos), Real Valladolid Promesas (28 puntos), Marino de Luanco (27 puntos) e Racing Villalbés (26 puntos).

Esta tarde nas filas branquiazuis foron baixa Rubén López, citado co primeiro equipo onte en Logroño; e Diego Gómez, que segue co seu proceso de recuperación.

Si puido contar o filial con Martín Ochoa, que se adestrou até o venres ás ordes de Imanol Idiakez, e hoxe tivo os seus primeiros minutos de xogo após a súa intervención cirúrxica do pasado mes de decembro. "É un xogador que o ano pasado foi moi importante para o Fabril en Terceira e que este ano o seu bo traballo fixo que estivese máis tempo co primeiro equipo que connosco. Só xogou en Avilés na primeira xornada e contra o Coruxo FC. Este é o seu terceiro partido co Fabril. Pasou por esa operación e o primeiro que quere o xogador é atopar esas sensacións que lle fagan nos partidos estar ben. Terá que traballar onde lle toque. É importante que vaia collendo esas sensacións neses minutos", comentou Óscar Gilsanz na rolda de prensa post-partido.

A primeira oportunidade do partido foi do CD Covadonga, un equipo que chegaba a Abegondo necesitado de puntos para saír dos postos baixos da táboa. 

Aos 2 minutos, o seu dianteiro Ariel remata de cabeza un balón ás mans de Brais Suárez. Pouco despois, Álex tenta un córner olímpico que golpea no parte exterior do traveseiro da portería fabrilista.

Pero golpeou de verdade o Fabril aos 8 minutos. Jairo deixa pasar un balón raso que chegaba desde a defensa fabrilista para deixar completamente só a Kevin (na foto da noticia) ante o meta Buru. O internacional xuvenil non perdoou no man a man.

Con vantaxe no marcador, o filial foise facendo cos mandos do partido. Á media hora, Kevin de novo logra aumentar vantaxe. O canteirán recibe de Nájera ás costas da defensa e libre de marca bate de novo a Buru.

Respondeu o minuto 44 o visitante Asier, pero o seu disparo rexeitouno Brais nunha bonita intervención.

Con este resultado chegouse ao descanso. "Non estivemos moi finos con balón. O partido estaba na capacidade que tivésemos de xogar ás costas da defensa do CD Covadonga. Coa velocidade dos nosos futbolistas eramos capaces de plantarnos diante de Buru e facer máis ocasións. Así chegaron os goles. E estivemos contemplativos a nivel defensivo. Non estivemos axustados nin na presión nin nos duelos cando eles facían xogo directo con Ariel", subliñou o preparador fabrilista.

Após o paso polos vestiarios, o Fabril asinou a sentenza ao partido. Vilan no minuto 57 aproveita un balón morto na área asturiana após unha contra levada por Nájera e Jairo para marcar.

Pouco despois, no 62, Nájera recibe de Jairo ao bordo da área nunha mala saída de balón do CD Covadonga, recorta con clase ao seu par e marca o cuarto que deixaba o choque sentenciado.

A partir de aí chegou o carrusel de cambios e o enfado de Óscar Gilsanz que fixo público ante os medios de comunicación: "Relaxámonos en exceso. Non estou moi contento con eses últimos 20, 25 minutos. Relaxámonos. Un gol pódese encaixar pero un equipo como nós non nos podemos relaxar en ningún momento. Voume con ese mal sabor de boca pola relaxación do equipo".

O CD Covadonga aproveitou esta fase do encontro por medio de Vicente para, polo menos, facer o gol da honra. Así finalizou o encontro.

O vindeiro sábado 17 de febreiro, a Fabril visita no Estadio Vero Boquete de San Lázaro á SD Compostela, a partir das 17:00.

Fabril: Brais Suárez, Lache, Puerto, Marotías, Bala (Mardones, min. 82), Brais Val, Alfaro (Barba, min. 65), Jairo (Jorge, min. 82), Vilán, Nájera (Mati Castillo, min. 72) e Kevin (Martín Ochoa, min. 65).

CD Covadonga: Buru, Berto (Elena, min. 60), Álvaro, Álex, Morilla (Turmo, min. 60), Tineo (Santullano, min. 75), Ariel, Asier (Vicente, min. 60), Lucas (Avanzini, min. 82), Trabanco e Iván Fernández.

Goles: 1-0 Kevin (min. 8); 2-0 Kevin (min. 31); 3-0 Vilán (min. 57); 4-0 Nájera (min. 62); 4-1 Vicente (min. 90+3)

Árbitro: Guillermo García Presa, do comité castelán-leonés. Amoestou a Kevin (min. 53) e Jorge (min. 89)

Incidencias: Partido correspondente á 22ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no campo principal de Abegondo

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK