RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo reivindica a implicación contra a violencia machista no fútbol polo 25N: Temos unha enorme responsabilidade

O RC Deportivo súmase ás accións para reivindicar a loita contra a violencia machista polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Esta mañá a adestradora do Dépor ABANCA, Irene Ferreras, e o adestrador do Dépor, Imanol Idiakez, leron un manifesto de forma conxunta no que reivindicaron a implicación contra estas violencias no mundo do fútbol: "Temos unha enorme responsabilidade para que noso NON se escoite con forza e firmeza".

Ambos os técnicos manifestaron o "compromiso absoluto" do Club para "seguir avanzando nunha igualdade efectiva entre homes e mulleres e na erradicación de todo tipo de violencias", e reclamaron seguir traballando en sociedade "para que cada nena, cada muller, atope neste deporte un espazo seguro" e "para que cada neno, cada home, sexa educado nos valores do respecto e a igualdade".

Ambos lembraron ás 52 mulleres asasinadas en España este ano 2023 e anunciaron que, por todas elas, o capitán e capitá do Dépor e o Dépor ABANCA levarán esta fin de semana un brazalete negro co símbolo do 25N, unha acción á que tamén se sumarán nos seus encontros o capitán do Fabril e a capitá do Dépor ABANCA B.

O RC Deportivo súmase tamén este ano á difusión da campaña de sensibilización da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través de soportes publicitarios e das redes sociais do Club. "Queremos mandar unha mensaxe a toda a sociedade para camiñar da man, porque cada caso de malos tratos é un fracaso colectivo", afirmaron Idiakez e Ferreras no comunicado, no que lembraron que só na cidade da Coruña 616 mulleres están hoxe baixo protección policial do sistema de violencia de xénero, e un total de 2.184 na provincia coruñesa. "Son cifras inaceptables. Hoxe dicimos NON por todas elas. O Dépor di NON á violencia de xénero", finalizaron.