O Dépor recupera a Rubén Díez, xa de alta médica; e Ian Mackay, que se perdeu o choque ante o CF Rayo Majadahonda da pasada fin de semana por sanción, para o partido deste domingo 29 de xaneiro ás 16:00 horas (InSports.tv) no Estadio Iberoamericano 2010 ao San Fernando CD Isleño, correspondente á 21ª xornada en Primera Federación.
Tamén se estrean nunha convocatoria Orest Lebedenko e Kike Saverio, últimas incorporacións ao cadro branquiazul neste mercado de inverno. Ambos adestráronse toda a semana en Abegondo con absoluta normalidade.
En rolda de prensa, Óscar Cano veos "moi ben porque viñan de dinámica de estar cos seus clubs. Saverio gozando de menos minutos, Lebedenko tamén respecto da temporada pasada. Veñen de adestrar con gran esixencia e non notei ningunha diferenza entre os demais compañeiros e eles. Por tanto están en perfecto estado para competir".
Advirte que "son xogadores do Deportivo e calquera que é xogador do Deportivo pode estar na convocatoria e no once inicial. Eu non miro canto levan aquí. Miro de quen dispoño e trato de facer a mellor aliñación para cada un dos partidos que temos por diante".
Ademais, explicou que con Kike Saverio "buscamos un extremo que cando esteamos moi baixos defendendo, a unha distancia considerable da portería contraria, nunha recuperación non teñamos que dar 70 pases para chegar porque é un rapaz moi potente e cunha habilidade para o man a man. Tamén ten espazo... E achega moito do que xa temos: é capaz de recibir e de parado buscar o un contra un, de meterse cara a dentro, e ten boa relación coa portería contraria. Sae para danar, para lanzar o último pase".
A pesar destas 4 novidades, o técnico deportivista subliñou que "dentro de que me gusta que estean todos e de que Rubén é un xogador importante, o equipo ten armas e ferramentas suficientes como para que a súa ausencia non se note. O outro día xogamos un gran partido e non estaba el. O día do Racing de Ferrol fixemos un dos mellores partidos e non estaba Mario, que está a ser un dos máis importantes. O cadro ten suficientes alternativas como para que a ausencia dun futbolista non determine en exceso o que debe de ocorrer no terreo de xogo".
Quedan fóra da citación de maneira forzosa Isi Gómez e Raúl Carnero, que están con adestramento personalizado; e Max Svensson, sancionado por acumulación de amoestacións.
Mañá sábado, o Dépor desprázase en avión ás 11:50 a Sevilla e adestrarase a partir das 17:30 na Ciudad Deportiva Bahía de Cádiz, sita na localidade gaditana de Puerto Real.