Pablo Marí adestrouse co grupo esta mañá en Abegondo
Pablo Marí realizou esta mañá gran parte da sesión co grupo de futbolistas que onte non foron titulares ante o Real Mallorca en ABANCA-RIAZOR.
O central valenciano retirouse na última parte, de acordo cos Servizos Médicos e os técnicos branquiazuis.
Cos fabrilistas Álex Cobo, Mujaid, Valín, Víctor, Gandoy e Gaizka, realizaron un quecemento, rondos, unha tarefa de posesión, un exercicio de finalizacións e, para concluír, fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.
Os que xogaron de inicio onte á noite só saltaron hoxe ao céspede para dar un paseo, e continuaron con tarefas de recuperación no ximnasio e paso pola padiola dos fisioterapeutas.
Mañá, todo o cadro está citado en Abegondo ás 11:00 horas para viaxar a Palma e medirse ao Real Mallorca este domingo 23 de xuño en Son Moix (21:00 horas, Movistar Partidazo), no partido de volta da final polo ascenso a LaLiga Santander.