Pablo Trigueros Estrada (Herreruela de Oropesa, Toledo, 4 de marzo de 1993) convértese, pendente de recoñecemento médico, en novo xogador do Real Club Deportivo para a próxima temporada.
O defensa central manchego chega despois de finalizar contrato co CD Mirandés, co que disputou o pasado exercicio na segunda categoría do fútbol nacional.
Pablo Trigueros formouse na canteira do Atlético de Madrid, con cuxo filial coñeceu a categoría de bronce despois de pasar polo Xuvenil e polo equipo C. O defensa puxo rumbo ao Arandina CF no curso 2015-2016. Tralo descenso a Terceira do conxunto burgalés á conclusión da campaña 2016-2017, puxo rumbo ao Rápido de Bouzas. En Vigo foi protagonista da mellor campaña da historia do club aurinegro, que quedou a dous puntos de disputar o playoff de ascenso a Segunda División.
A súa gran campaña (36 partidos e 4 goles) valeulle a fichaxe por un dos clubs punteiros de Segunda B, a SD Ponferradina, ao comezo da temporada 2018-2019. En El Toralín tamén foi un dos alicerces (35 partidos e 1 gol) no regreso do equipo a Segunda División. Após estrearse na categoría de prata co conxunto berciano, o verán pasado foi fichado polo CD Mirandés, para acumular 50 partidos e 1 gol nas súas dúas campañas en Segunda División.
A experiencia de Pablo Trigueros en Segunda División B comprende 5 temporadas, para un total de 129 partidos (6 deles en playoff de ascenso) e 9 goles.