Paula Gutiérrez pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.
Mostrouse ante os medios de comunicación "moi orgullosa" de cumprir 100 partidos oficiais co Dépor ABANCA. "Acórdome de todos os momentos que pasei durante estas 4 temporadas. Vexo toda a traxectoria e todo o que pasou, e estou moi contenta, moi feliz. Desde aquí quero agradecer a todo o mundo que estivo comigo durante estes 4 anos, desde dirección deportiva, staff, compañeiras... E non me gustaría esquecerme de ninguén máis", apunta.
A centrocampista branquiazul asegura que o RC Deportivo "é o club que me deu todo. Eu cando saín do Madrid CFF buscaba un club no que me volvese a sentir xogadora e aquí depositáronme sempre a confianza que necesitei. Estou moi agradecida e moi contenta".
Paula Gutiérrez cre que na Coruña "temporada a temporada vanse vendo moitos cambios, desde por exemplo este ano toda a incorporación que tivemos de staff, o nivel de xogadoras que ao final vai crecendo e obviamente o fútbol feminino vai evolucionando en todos os sentidos. En cada parcela vai aumentando o nivel. Esperemos que non pare e isto sexa só o principio".
Desvela que non se marchou frustrada pola derrota ante a Real Sociedad o pasado domingo porque "foi un bo partido de todo o equipo. O nivel das xogadoras e do staff, aínda que os resultados non estean a chegar, está a demostrarse día a día. Hai que quedar co traballo e o bo xogo. Quedarnos pensando no que xa pasou sería un erro e xa estamos enfocadas pensando no RCD Espanyol".
Cualifica o choque ante as catalás como "interesante como todos. Quedan moitas xornadas aínda e estamos tranquilas. Ímolo a afrontar da mellor maneira que sabemos e saíndo a tentar conseguir os 3 puntos. O equipo está capacitado para sacar a situación adiante".
Admite finalmente Paula Gutiérrez que o do domingo 17 de novembro ás 12:00 (Dazn) é un partido "especial. Teño moitos recordos. Estiven alí dúas temporadas, que me formaron moi ben; e sempre vou estar agradecida".
A futbolista deportivista advirte que o RCD Espanyol "fisicamente sempre compite moi ben, ten as cousas moi claras, o que fai. Seguro que nolo vai a pór complicado pero estamos en ABANCA-RIAZOR, sentimos fortes con #ANOSAFORZA, sempre nos apoia; e en casa temos moitas posibilidades de facer un bo fútbol e de tentar levarnos eses 3 puntos".