Un tanto en propia meta aos 3 minutos e outro tanto a favor mal anulado na recta final a Vera propiciaron a derrota do Dépor ABANCA esta mañá (0-1) en ABANCA-RIAZOR ante a Real Sociedad.
Con este resultado, As Nosas quedan con 6 puntos e un partido menos na 13ª posición.
Irene Ferreras extrae "moitas valoracións positivas. Faltounos acerto e un pouco de fortuna en accións determinantes que nos podían dar polo menos un punto. Pero sinto moito orgullo porque vexo o proceso do equipo e de como empezamos a como estamos agora competindo diante dunha Real Sociedad".
A mañá arrincou co contratempo de Yohana. A gardameta levantouse con molestias no pescozo que xa sufriu onte e a canteirá Martina Rivas entrou na citación.
O encontro arrincou nos prolegómenos cunha cariñosa homenaxe a Ainhoa Marín e Paula Gutiérrez polos seus 100 partidos oficiais coa camiseta do Dépor ABANCA. "Sinto alegría. Vivín parte do seu proceso. É verdade que levaban unha temporada antes de eu chegar. Son dúas xogadoras coas que teño moito feeling. Traballamos moi ben, moi cómodas. Creceron brutalmente en todos os aspectos do xogo", apuntou a preparadora branquiazul.
Irene Ferreras dispuxo dunha presión moi alta para obstaculizar a saída de balón das donostiarras.
Pero a mala fortuna golpeou ás Nosas. Aos 3 minutos, un centro lateral realista desde a banda dereita méteo na súa portería Raquel no seu afán por despexar.
Aos poucos o Dépor ABANCA foi recuperándose do golpe.
Aos 11 minutos, Olaya falla un man a man ante Lete. O seu balón vaise lixeiramente alto.
Na xogada seguinte, Ainhoa Marín xuta desde a frontal raso. O balón márchase fóra axustado á cepa do poste dereito da Real Sociedad.
Respondeu o conxunto vasco cunha cabezada ao primeiro pau de Amaiur que se foi ao lateral da rede.
Na outra área, aos 22 minutos, Eva Dios cabeceou entre as dúas centrais realistas e Lete atrapou baixo a raia.
A Real Sociedad deu mostras do seu gran perigo en ataque, é un equipo chamado a estar na zona nobre. Primeiro Lucía recolle un balón solto na área e o seu remate márchase rozando a escuadra dereita da portería de Inês Pereira após tocar nunha defensora.
No saque de esquina subseguinte, nunha acción ensaiada, Lavogez xuta desde a frontal tamén con moito perigo.
Andreia volve tentalo de lonxe. O balón márchase por encima do traveseiro da portería deportivista.
Apertaban as donostiarras para ampliar diferenzas.
Inês salva un tanto cantado a un remate raso e axustado ao pau dereito de Lavogez, sen dúbida a xogadora máis perigosa da Real Sociedad neste tramo.
A internacional portuguesa volve gañar un man a man esta vez con Amaiur. Corría o minuto 37.
Con este resultado chegouse ao descanso en ABANCA-RIAZOR.
Após o paso polos vestiarios, foi a Real Sociedad a que arrincou cunha presión en campo deportivista.
O Dépor ABANCA sufría para poder sacar a pelota do seu campo.
Amaiur cabeceou un balón na área pequena que se foi fóra por pouco.
O primeiro disparo a porta con perigo foi de Samara Ortiz. Lete despexou a saque de esquina con moitos apuros.
No córner, Ainhoa Marín remata no primeiro pau lixeiramente desviado.
Irene Ferreras lanza ao equipo a por o empate coa entrada de Bárbara por Eva Dios.
Aos 72 minutos, Millene tivo nas súas botas o empate nunha gran xogada persoal. Despois de regatear a dúas defensoras disparou raso lixeiramente desviado.
Franssi, xa na recta final, remata ao corpo de Inês Pereira noutro man a man.
ADT puxo a resposta ao cabecear alto un gran centro de Ainhoa Marín.
O partido chegaba aos minutos finais aberto aos dous equipos.
Coa entrada tamén de Oriana Altuve, As Nosas optaron polo xogo directo á área da Real Sociedad para pescar algún balón solto.
E pescouno Vera, pero a colexiada do partido, Lorena del Mar Trullijano, anulou o tanto por entender falta á porteira Lete. "É unha acción con moita xente por medio e non nos sae cara. Xa está. A colexiada fixo un bo partido pero nesa acción equivócase. Son cousas que non podemos controlar", conclúe Irene Ferreras.
Con este 0-1 concluíu o encontro en ABANCA-RIAZOR.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara (Cris Martínez, min. 75), Raquel, Vera, F. Lara (Altuve, min. 83), Lucía Martínez, Paula, Eva Dios (Bárbara, min. 63), Ainhoa, Millene (ADT, min. 75) e Olaya
Real Sociedad: Lete, Apari, Etxezarreta, Amaiur (Mirari, min. 63), Andreia, Franssi (Guridi, min. 82), N. Eizaguirre, Lucía, V. Quiles (Izarne, min. 63), Cahynová e Lavogez (Lucía Pardo, min. 55)
Árbitra: Lorena del Mar Trullijano. Amoestou a Eizaguirre (min. 10), Lavogez (min. 19), Paula Gutiérrez (min. 20), Quiles (min. 41), Guridi (min. 86) e Lucía Pardo (min. 90)
Gol: 0-1 Raquel en propia meta (min. 3)
Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada de Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.234 afeccionados