Un Dépor ABANCA "por bo camiño" preparará desde mañá mércores o partido ante o RCD Espanyol en ABANCA-RIAZOR
O Dépor ABANCA, hoxe martes con xornada de descanso, céntrase desde mañá mércores na visita do RCD Espanyol a ABANCA-RIAZOR prevista para este domingo 17 de novembro ás 12:00 (Dazn), en partido correspondente á 10ª xornada en Liga F.
Os resultados da última xornada deixaron ás Nosas con 6 puntos en 14ª posición.
En rolda de prensa nada máis concluír o encontro ante a Real Sociedad o pasado domingo, Irene Ferreras cre que "hai que estar tranquilos co traballo que estamos a facer todos".
Destaca do partido ante as donostiarras "o crecemento de moitas futbolistas" e "o equipo soubo competir, estar dentro" a pesar de encaixar un gol no minuto 3 e ademais en propia meta.
Por este motivo, a pesar da derrota, "refórzanos moito no proceso, no como e en que o que estamos a facer ten sentido".
Nesta liña, Irene Ferreras cre que a "transferencia traballo-partido é moi boa. E mentres que iso sexa así, estamos convencidos que imos por bo camiño".
O corpo técnico branquiazul disporá de 4 sesións de traballo matinais na Cidade Deportiva, con almorzo e vídeo cada día antes de saltar ao céspede.
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por técnicas, é a seguinte:
Mércores 13 de novembro 11:00 h.
Xoves 14 de novembro 11:00 h.
Venres 15 de novembro 11:00 h.
Sábado 16 de novembro 11:00 h.
Domingo 17 de novembro 12:00: Deportivo ABANCA - RCD Espanyol, en ABANCA-RIAZOR