Pedro Sánchez: "Hai que saír sempre ao máximo, concentrado, ilusionado, que ao final isto é moi bonito"
Pedro Sánchez, un dos futbolistas do vestiario branquiazul máis experto nos play off de ascenso, asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "nestes partidos non hai que deixarse nada dentro. Hai que saír sempre ao máximo, súper concentrado, súper ilusionado, que ao final isto é súper bonito de vivilo".
Pide por conseguinte "ser nós mesmos. Saber competir estes partidos que son de 180 minutos e pode pasar de todo. Hai que estar alerta de todo, para ben e para mal. Os pequenos detalles decantarán a eliminatoria".
Lembra que o cadro do Málaga CF, rival este mércores 12 de xuño (21:00 horas, Movistar Partidazo) na ida da primeira eliminatoria do play off de ascenso, "ten uns xogadores impresionantes que a metade de equipos de Primeira División quererían ter".
Insiste en que os partidos de liga entre os dous equipos, saldados con empate en ABANCA-RIAZOR e A Rosaleda, "non teñen nada que ver cos partidos de play off".
Nesta liña, aínda que se enfronten o terceiro na clasificación final de LaLiga 1|2|3, o Málaga CF, contra o sexto, o Dépor, "non hai favoritos. Xoguei moitos partidos destes e non vexo a ninguén favorito. O Málaga quedou por encima noso e hai que valorar isto para ter en conta ao equipo que nos enfrontamos".
Cre que a clasificación do Dépor para esta fase decisiva da temporada, "despois destes últimos meses, é un premio ao esforzo e ao sacrificio deste grupo".
Iso si, puntualiza que o vivido o pasado sábado no Estadio ABANCA-RIAZOR após o partido ante o Córdoba CF "non foi unha festa. É a conclusión dun esforzo, de mirar atrás os meses que tivemos malos. É bonito pero non foi ningunha festa, que debe de ser dentro de dúas semanas, non a semana pasada".
A nivel individual, admite Pedro que se atopa "ben. Sempre que xogo tento dar o mellor de min. Hai veces que pode saír mellor ou pode saír peor, pero sempre axudando ao equipo".