RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Pleno e liderado para o Dépor ABANCA (1-0)

O Deportivo ABANCA sumou unha nova vitoria, a cuarta en catro xornadas, ao bater pola mínima a un Madrid CFF B ao que foi moi superior desde o asubío inicial até o final, resultado que mantén ás branquiazuis líderes en solitario por segunda semana consecutiva.

O partido comezou cun intencionado disparo de Gloria Domínguez desde a frontal da área que atrapou Yohana en dous tempos. Curiosamente, sería o único achegamento claro das visitantes en toda a primeira metade.

O Dépor ABANCA dominou de principio a fin, pero non atopou o camiño do gol. Nos primeiros 20 minutos producíronse varias chegadas pola dereita de Cris e Ainhoa que non atoparon rematadora. Non foi até o minuto 23 que as branquiazuis puxeron a proba a Belén de Gracia, cun dereitazo de Henar desde 25 metros que a porteira visitante blocou con seguridade.

No minuto 29, Eva Dios tentouno desde 20 metros buscando o pau longo pero a gardameta madrileña despexou o esférico. Poucos segundos despois, a forte calor reinante en Abegondo, por riba dos 30ºC, obrigou a realizar unha pausa de hidratación.

Xa en tempo de desconto chegou a mellor ocasión deportivista, nun gran disparo de Ainhoa Marín após recortar a unha rival a 20 metros da portería. A gran intervención de Belén de Gracia, que desviou a pelota a saque de esquina, evitou o primeiro tanto do encontro.

Na segunda metade, o equipo madrileño optou por pechar filas. Coa entrada de Paula León por Alba Ruiz, o Madrid CFF B pasou a xogar cunha defensa de cinco futbolistas. 

O partido entón converteuse definitivamente nun monólogo branquiazul. Millene dispuxo dunha boa opción de gol no minuto 49, cando disparou duro desde dentro da área após recortar a Esther Calderón, aínda que ao facelo moi centrado o balón foi a mans da porteira.

Aos 53 minutos de xogo, Laurina cabeceou un centro de Ainhoa Marín a mans de Belén de Gracia. Dous minutos despois, Cris Martínez bateu coa zurda ao enganchar un balón solto ao bordo da área, tamén a mans da porteira madrileña.

No minuto 62 chegou o único tanto do encontro, cando Eva Dios remachou de cabeza na área pequena un rexeite da porteira a un duro zurdazo cruzado de Charle, que acababa de substituír a Laurina.

As ocasións para abrir brecha e sentenciar o partido sucedéronse. Pero o gol da tranquilidade non chegou. Cris Martínez disparou alto no minuto 65 após sacar un córner en curto. No 68, Ana de Teresa, á media volta, sacouse un zurdazo que se foi por riba do traveseiro após rozar nunha defensa. No 71, a propia dianteira ibicenca pescou un balón solto na área trala presión de Paula Gutiérrez que forzou a perda da gardameta e volveu disparar alto.

Trala pausa de hidratación do segundo período, Carlota enganchou ás toas o rexeite dun córner pero enviou o coiro á esquerda do marco visitante. Xa en tempo engadido, un novo zurdazo cruzado de Charle non o capturou Belén de Gracia e unha defensa afastou o balón solto na área cando chegaba Ana de Teresa a empuxalo.

No último minuto, un saque longo de Belén de Gracia xerou o único achegamento visitante de todo o segundo tempo, pero o lanzamento de Paula León desde a frontal foi tan frouxo que mesmo Yohana permitiuse detelo co peito antes de agarrar a pelota.

O partido finalizou cunha nova vitoria pola mínima do Dépor ABANCA que permite ao equipo dirixido por Irene Ferreras manter o liderado de Primera Federación Iberdrola cun pleno de 12 puntos sobre 12 posibles.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez (Samara, min. 66), Inés Altamira, Raquel García, Clara, Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Carlota, min. 66), Eva Dios (Ayaka, min. 85), Laurina (Charle, min. 57) e Millene (Ana de Teresa, min. 66).

Madrid CFF B: Belén de Gracia, Noara, Esther Calderón, Clara Villanueva, Pauline Monadier, Marina Rivas, Laura Augado (Nati, min. 69), Alba Ruiz (Paula León, min. 46), Claudia Domínguez (Marina Salas, min. 58), Laura Herraiz (Ana Hortelano, min. 88) e Alba Rodao (María Delgado, min. 58).

Gol: 1-0 Eva Dios (min. 62).

Árbitra: Verónica González Sánchez (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Pauline Monadier (min. 63), Eva Dios (min. 58) e Inés Altamira (min. 82).

Incidencias: partido correspondente á 4ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK