O novo presidente do Real Club Deportivo, Antonio Couceiro, acompañado por parte dos membros do Consello de Administración: Eduardo Blanco, Emma Lustres e David Villasuso, visitou esta tarde a Cidade Deportiva de Abegondo para ter un primeiro encontro cos cadros do equipo feminino e do primeiro equipo masculino.
Após completarse na tarde de onte mércores todos os trámites administrativos para a toma de posesión dos diferentes cargos dentro do novo órgano de goberno do Deportivo, esta mañá o presidente continuou coas reunións de traballo iniciadas xa o pasado martes para coñecer de primeira man a situación interna do Club.
Unhas reunións que continuarán ao longo das próximas semanas con todo o equipo profesional do Real Club Deportivo nas súas diferentes áreas para poder dispoñer dos elementos de xuízo necesarios antes de valorar publicamente a situación na que se afronta este novo proxecto e as liñas mestras do traballo a desenvolver á fronte do Real Club Deportivo.
O primeiro encontro que tivo lugar é o que se produciu esta tarde cos primeiros equipos masculino e feminino nas instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo, antes do inicio da segunda das sesións de adestramento do día previstas por Rubén de la Barrera.
Nel quixo trasladar unha mensaxe de confianza, apoio e ánimo a futbolistas e corpo técnico, baseado na garantía da continuidade do proxecto deportivo e social sexa cal for o resultado final da temporada. Xunto a esa mensaxe de tranquilidade tamén lles pediu total esixencia xa que nestes momentos ese futuro e esa categoría do Deportivo para a próxima campaña pasa, fundamentalmente, polo seu traballo e os seus resultados cada fin de semana, sendo aínda posible aspirar a todo, mirar cara arriba e competir até o último momento para lograr o obxectivo co que comezaron a temporada.
O segundo encontro produciuse con todos os integrantes do Dépor ABANCA, a quen trasladou tamén todo o seu apoio e ánimo para continuar co gran traballo das últimas semanas, comprometéndose a dedicarlle unha permanente atención dentro das súas prioridades como presidente do Club.
Unha vez concluída a charla aos cadros, Antonio Couceiro presidiu a primeira reunión do Consello de Administración na que tamén participou, de forma telemática, o conselleiro Carlos Cantó.