O Deportivo arrincou a pretemporada hoxe luns 18 de xullo en Abegondo. Nada máis chegar á Cidade Deportiva, ás 08:00 h., os futbolistas branquiazuis foron sometidos ao exame médico clásico da volta das vacacións de verán, incluída unha proba analítica da man do Hospital Quirón Salud A Coruña.
A continuación, e despois do almorzo na propia instalación, os xogadores recibiron a benvida a cargo do técnico Borja Jiménez, paso previo ao comezo do primeiro adestramento sobre o céspede.
A única ausencia xa prevista foi a de Álvaro Pérez Campo 'Trilli', que se atopa en Barcelona onde foi intervido cirurxicamente para solucionar as molestias sufridas no nocello a temporada pasada. Nestes días realiza na capital catalá a fase de rehabilitación inicial post cirúrxica antes de regresar á Coruña para continuar o seu proceso de recuperación en Abegondo xa baixo a supervisión dos Servizos Médicos do Real Club Deportivo.
Ademais, Héctor e Borja Granero estarán, por mor de molestias, estes próximos días con adestramento individualizado no ximnasio da Cidade Deportiva de Abegondo baixo a supervisión do readaptador Álex Canosa. O lateral valisoletano sofre unhas molestias nun xeonllo mentres que o central branquiazul, nun nocello.
En función da súa evolución, os futbolistas iranse incorporando progresivamente ao traballo de grupo.
Yeremay, Dani Barcia e Mella foron a representación de #ANOSACANTEIRA.
Sobre o céspede, Borja Jiménez dispuxo nesta primeira mañá dun circuíto de core, un quecemento, un exercicio de posesión e unha tarefa con porterías pequenas. Un partido en espazo reducido e series de carreira continua puxeron o punto e final ao traballo sobre o céspede.
Mañá, martes 19 de xullo, o Dépor saltará de novo ao campo de Abegondo a partir das 10:30 no segundo adestramento desta pretemporada.