Quiles lembra que "gañar dáche confianza" e Lapeña sostén que con este triunfo "damos un pasiño adiante"
Os dous goleadores da tarde, Alberto Quiles e Adrián Lapeña, pasáronse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.
O dianteiro andaluz explicou a celebración do seu gol, abrazado aos membros do banco: "Rabia destes partidos que viña participando un pouco menos. Quería celebralo co banco porque viñamos de tres derrotas e quería festexalo cos que estou no día a día".
Admite que na primeira parte "custounos un pouco. Había moito home do CD Calahorra na súa área e custábanos ver os espazos e atopar a Menudo, Soriano, Miku... Eles tamén fan un bo traballo defensivo. No segundo tempo, o gol de Lapeña fai que eles se abran un pouco, hai máis espazos. Temos a sorte de meter e o CD Calahorra ten que ir a polo partido".
Sobre a vitoria, Quiles recoñece que "gañar sempre é bo, dáche confianza e quítache esas dúbidas que tiñamos por esas tres derrotas. Sabemos o Club que somos, temos que saír a gañar todos os partidos, dá igual que vingamos de perder, empatar ou gañar. Saír a un campo gañando o partido pasado dáche máis confianza".
Pola súa banda, Adrián Lapeña desvela que o seu gol é froito do ensaio de faltas ao segundo pau: "Dígolle a Jaime que estiremos a liña para abrirlles, entramos con espazo e temos a fortuna de que se nos queda aí (o balón) e conseguímola meter".
Do partido, o defensor deportivista opina que "habemos ir de menos a máis. Tiñamos moitas ganas de querer facer pronto o gol, de que saísen ben as cousas. Estivemos un pouco imprecisos na primeira parte por esas ganas de querer liquidar rápido o partido. Ao final soubemos poñerlle calma e desde a calma chegaron os goles".
Lapeña cre que con este triunfo "damos un pasiño adiante, saímos dunha xeira mala. Lembrar que despois da última fochanca que tivemos na primeira volta as cousas foron fenomenal e esperemos que podamos repetilo".
Finalmente, relevado por Borja Granero na recta final, explica que ten "unhas pequenas molestias no psoas. Non quería seguir facéndome dano. Temos compañeiros igual de capacitados que eu para saír ao partido. Non quería ser un lastre e pedín o cambio".