'RC Deportivo, 112 partidos en Europa', á venda nas DéporTiendas desde mañá venres
Con motivo da celebración do 25 aniversario do debut do equipo en competicións europeas, o libro 'RC Deportivo, 112 partidos en Europa' sae á venda para lembrar aos afeccionados a súa traxectoria completa nos diferentes torneos continentais.
'RC Deportivo, 112 partidos en Europa' rememora, a todo cor e en case 300 páxinas, todos e cada un dos encontros que o equipo branquiazul disputou en competicións europeas. A publicación foi subtitulada 'De Aalborg a Aalborg' xa que o conxunto danés foi o primeiro e, até agora, último rival do cadro coruñés.
Cada partido ocupa dúas páxinas: nunha poden verse a acta do mesmo e unha breve crónica e na outra unha fotografía a toda páxina. A consecución de todas as imaxes requiriu un arduo labor, xa que o Club só dispuña de fotos de algo menos da metade dos encontros. Ademais engadiuse que a algún choque, como a visita ao Trabzonspor turco na Recopa de Europa, non viaxou ningún reporteiro gráfico español.
Ao final de cada edición, o lector pode atopar o desenvolvemento completo do torneo, con cadros de todas as eliminatorias desde a primeira rolda até a final.
A obra ábrese cunha carta do presidente Tino Fernández, seguida de artigos asinados polo ex máximo mandatario Augusto César Lendoiro, os ex adestradores Arsenio Iglesias e Javier Irureta e os ex xogadores Fran e Diego Tristán. O libro complétase cun extenso apéndice estatístico no que se resumen todos os números colectivos e individuais das actuacións deportivistas na liga de Campións, a Recopa de Europa, a Copa da UEFA e a Copa Intertoto.
'RC Deportivo, 112 partidos en Europa' pode adquirirse desde mañá venres 14 na DéporTienda Riazor, a DéporTienda Marineda City e en www.deportienda.es ao prezo de 19,95 euros e de 14,95 euros para os socios e accionistas deportivistas. Proximamente, tamén se poderá atopar en librarías e áreas comerciais, neste caso sen posibilidade de acceder ao desconto.