Rubén Díez sacou a conclusión que o partido do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Real Madrid Castilla foi "moi igualado. A primeira parte foi totalmente nosa e a segunda, totalmente deles. Tal e como foi o partido o punto foi bo. Gustounos conseguir os 3 puntos por todo o que supuña tanto por alcanzar ao AD Alcorcón como para separarnos do Real Madrid Castilla, pero valorando un pouco o partido, o punto témolo que valorar de forma positiva porque seguimos outro día máis sen perder por como foi o transcurso do partido no que a segunda parte domináronnos eles".
Explica que "na primeira parte Arribas actuaba máis como dianteiro. Entón nós na presión estabamos moi encaixados, fomos moi presionantes e en todos os duelos practicamente saíamos vencedores. No descanso o míster deles toca unha tecla na que Arribas empeza a baixarse máis da conta, empézannos a facer superioridades tanto por dentro como por un costado no que se xuntaban Vinicius, Arribas e Álvaro Martín; e era complicado. Son xogadores moi dinámicos, con moitas pernas, novas e sobre todo teñen moitísima calidade. Facíannos esa superioridade que fixo que nos tivésemos que encerrar atrás aos poucos, porque non conseguimos axustar ben a presión como a primeira parte. Iso foi o que marcou a tónica da segunda parte".
Por todo iso o centrocampista branquiazul opina que o filial merengue foi o mellor equipo ao que de momento se enfrontou ao Dépor en liga: "Ningún equipo sometéranos como nos someteu o Castilla na segunda parte, a pesar de que é verdade que na primeira parte fomos moi superiores pero tanto por intensidade como por calidade é o mellor equipo ao que nos enfrontamos. A eles tamén lles beneficia xogar en ABANCA-RIAZOR polas dimensións, polo estado do céspede..."
Así mesmo comenta que o pasado domingo "foi a primeira parte con máis intensidade, con máis ritmo até a data. Entón acusámolo un pouco na segunda parte a nivel xeral. Hai que contar que eles por intensidade, por dinámica, por mocidade fíxoselles máis cómodo o partido na segunda parte. Tamén é verdade que moitos deles están a adestrar en dinámica do primeiro equipo e teñen ese plus que a nós nos faltou".
Advirte que coa chegada desde atrás na clasificación do Racing de Ferrol, "todos sabemos que é un equipo que compite moi ben, que é verdade que tivo unha mala serie na que se distanciou un pouco, pero polo cadro que ten vai estar aí até o final. É un equipo máis que vai pelexar e nós témonos que centrar en nós, en que se conseguimos os nosos resultados, o que esperamos, sabemos que o imos a conseguir".
Asegura que o vestiario é consciente "da igualdade que hai neste grupo, da competencia que ía haber. É verdade que nun principio pensabamos que ía haber algún equipo menos, pero aínda quedan moitos partidos e o que está claro é que non se vai a decidir isto a falta de moitas xornadas. Imos chegar practicamente á última ou as 2 ou 3 últimas xornadas nas que aínda esteamos varios equipos implicados. Un reto moi bonito que todos esperamos que salga da mellor forma posible".
O calendario prepara varios enfrontamentos directos co Dépor, circunstancia que non supón para o futbolista aragonés "ningunha carga. O calendario é o que é. Non estamos a pensar nos partidos do futuro. Agora mesmo o único no que estamos centrados é no partido do domingo, de volvernos de León cos 3 puntos porque se facemos os nosos deberes, sumamos de 3 en 3, imos estar arriba pelexando até o final, que é o que queremos. Dentro de 2 semanas temos un enfrontamento directo en ABANCA-RIAZOR, pero antes dese temos outros 3 puntos moi importantes que valen exactamente o mesmo".
Con todas as entradas esgotadas na bancada visitante do Estadio Reino de León para este domingo 19 de marzo (17:00 horas, InSports.tv) ante a Cultural Leonesa, subliña que #ANOSAFORZA "vainos a apoiar durante os 90 minutos e agora xa está nas nosas mans seguir con esta dinámica positiva fóra de ABANCA-RIAZOR. En La Línea empatouse, pero tivemos 2 ou 3 ocasións bastante claras de poder levarnos a vitoria. Esa dinámica negativa que se falou sempre fóra de casa deixámola xa un pouco atrás desde o partido de Alcorcón. O equipo está a traballar ben, está a adaptarse ben ás diferentes situacións que se viven dentro do partido fóra de casa, que son totalmente distintas ás de ABANCA-RIAZOR. E nese sentido o equipo deu un pasiño adiante".
Finalmente, a nivel persoal confesa Rubén que contra o Real Madrid Castilla "sufrín bastante. Estivera durante a semana con arrefriado, cun pouco de enfermidade pero nos últimos partidos xa me estaba volvendo atopar mellor. E son xeiras. É imposible estar os 38 partidos a un nivel bo. Son picos de forma que hai que tentar aproveitar cando se está ben".