Rubén Díez lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o CF Fuenlabrada, rival este domingo 27 de novembro ás 17:00 no Estadio Fernando Torres (InSports.tv) "é un equipo recentemente descendido. Mantivo algo do cadro do ano pasado e de primeiras en pretemporada ía ser un equipo que ía estar arriba. É verdade que os resultados non lles están acompañando pero eu sigo pensando que é un equipo que hai que ter en conta de aquí a final de temporada. A verdade que vai ser moi complicado o partido, máis no seu campo porque eles alí se fan moi fortes, pero a nosa intención é volvernos cos 3 puntos outra vez".
Do mesmo xeito que onte Mario Soriano, lamentouse de que no Estadio Fernando Torres, en obras, o equipo branquiazul non poderá contar co alento de #ANOSAFORZA: "É unha pena porque estabamos convencidos que a nosa afección se ía a mover, íase a desprazar e que nos ían a animar como están a facer nos desprazamentos. Nese sentido vai ser un ambiente raro e que se vai a parecer moito ao que había en pandemia. Nós, a tentar sacar os 3 puntos, que é ao que imos alí a Fuenlabrada".
Aínda que desvela que bota unha ollada de esguello a clasificación do grupo 1º de Primera RFEF, co Dépor 6º e a 1 punto do playoff de ascenso, "tentamos analizar un pouco máis aló. Analizamos un pouco como están a ir os partidos desde a nova chegada do corpo técnico e o equipo mellorou moitos aspectos. O outro día fixo, na miña opinión, os mellores 45 minutos da temporada e por cousas do fútbol, que ás veces cando non metes as ocasións que tes acábalo pagando, nese sentido cumpriuse. O que tentamos é poñer un pouco en valor todo as cousas que facemos ben, as que facemos mal porque estamos convencidos que se seguimos na liña que estamos ultimamente, o equipo vai chegar a Nadal nuns bos postos e con bastantes puntos".
Cualifica de "moi importante" conseguir esta fin de semana a segunda vitoria consecutiva a domicilio despois da lograda na última saída ligueira, en Alxeciras: "Tivemos unha xeira na que fóra de ABANCA-RIAZOR non conseguiamos a vitoria e en Alxeciras conseguimos traer os 3 puntos nun campo que na miña opinión vai ser dos máis complicados pola forma que teñen eles de xogar, a agresividade, a intensidade que lle pon durante os 90 minutos. Para nós foi coller moita moral, moita enerxía para tentar afrontar o partido de Fuenlabrada da mesma maneira porque pensamos que vai ser un partido que se asemelle un pouco".
Preguntado por Yeremay, autor do gol do empate do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante a Cultural Leonesa precisamente a pase seu, comenta que "é un rapaz moi novo, que ten unha progresión brutal porque as condicións que ten son espectaculares. Cada día está máis centrado, enfocado en mellorar, e a partir de aí axudar ao equipo e nas últimas semanas cambiou moito nese aspecto. É un xogador que nos ten que achegar porque é diferencial neste cadro, ten unhas condicións e unhas características que non ten ninguén no cadro e todas as cousas que el ten dentro tenas que ir sacando aos poucos. Non hai que pedirlle que faga todo de golpe porque é un xogador moi novo que ten que seguir mellorando, madurando e estou convencido que vai ser importante polas características que ten, porque neste cadro ten algunhas cousas que son diferenciais e que só el as ten".
Cre que a principal diferenza entre o Dépor de Óscar Cano e o de Borja Jiménez estriba na "saída de balón. Cando temos posesións, o equipo está moito máis xunto. Iso fai que cando haxa algunha perda, que evidentemente as hai e vainas a haber sempre porque isto é un xogo de erros, o equipo está moito máis xunto para recuperar o balón, para replegar, para que non transítenche con tanta facilidade como nos podían facer as primeiras xornadas de liga. É é iso, o estar xuntos, o competir, o ir cara a adiante a presionar... Son un pouco a maior diferenza. Evidentemente hai máis, pero para min o factor diferencial é ese, que o equipo está moi xunto tanto para atacar como para defender para que no caso de que haxa perdas non nos poidan contraatacar con tanta facilidade".
Ademais Rubén non desmente que a chegada de Óscar Cano ao banco de ABANCA-RIAZOR beneficioulle polo feito de vir "un adestrador co que estiven dous anos e medio, co que xoguei practicamente todo, que me coñece á perfección. Sería mentir dicir que nese sentido non me beneficiou un pouco, pero eu traballaba igual con Borja Jiménez. O meu obxectivo é traballar día a día para tentar axudar en todo o posible, sexan 10 minutos, ou sexan 90".