Despois de coincidir con Óscar Cano na súa etapa no CD Castellón, Rubén recalca do adestrador branquiazul que "nin o día de Unionistas estaba todo perfecto, nin o perder en Alcorcón está todo mal. O que tenta é analizar tanto as cousas positivas como as negativas de cada partido para tentar seguir mellorando porque sabemos que o obxectivo non se cumpre en 10 días, cúmprese a finais de maio e o que queremos é chegar ao último tramo de liga o mellor situados posibles para poder pelexar por todo e dar o noso mellor nivel de cara aos próximos partidos".
O atacante branquiazul admitiu en rolda de prensa esta mesma mañá que após a derrota o pasado sábado, "os primeiros días como é normal (estamos) fodidos porque fomos con moitas esperanzas, con moita ilusión de gañar e de recortar puntos. E desde onte xa cambiando o chip porque o sábado (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv ante CF Rayo Majadahonda) temos outro partido que é moi importante para nós e vai ir marcando o transcurso das seguintes xornadas".
Após chegar ao choque en Santo Domingo despois de superar a semana previa unha gastroenterite, lembra que "me pegou bastante forte, polo que os dous adestramentos fortes da semana non os puiden realizar. De feito non puiden nin ir a Abegondo. No partido fisicamente fíxolleme un pouco longo por toda a semana que pasara. Estiven practicamente tres días que non puiden nin comer pero os días previos ao partido a alimentación xa foi normal. Entón non hai ningún tipo de escusa".
Recoñece que "hai diferenza entre como presionamos cando xogamos en ABANCA-RIAZOR a cando xogamos fóra, pero a idea é a mesma. O outro día queriamos facer unha presión alta porque sabiamos que se non o Alcorcón íanos a encerrar no noso campo e cos xogadores que ten non nos interesaba nada. E segundo que fases do partido non soubemos facer a presión alta ben e iso foi o que nos levou a defender máis atrás".
Descoñece o motivo polo que en ABANCA-RIAZOR "presionamos moito máis alto e roubamos moitos máis balóns. A idea que temos é presionar alto, porque coas características que teñen os xogadores creo que é o que máis nos beneficia", insiste.
A Rubén e ao resto dos seus compañeiros no vestiario "gustaríanos (fóra) os mesmos partidos que facemos en ABANCA-RIAZOR porque cando xogamos en casa estamos a un nivel bastante alto. E é a idea que temos: cando vaiamos fóra de casa manter ese nivel".
No entanto apunta que o conxunto madrileño "é un dos mellores equipos que hai na categoría e non é fácil imporse como nos puidemos impor contra Unionistas aquí. Tamén hai que valorar o rival contra o que nos enfrontamos, o campo onde nos enfrontamos. Pola nosa forma de entender os partidos gústanos ser dominadores do xogo, pero hai que entender que en segundo que campos, en segundo que tramos do partido, non vai suceder e é aí onde temos que dar un pasito adiante para facernos fortes e controlar os partidos, aínda que non sexa a través do balón".
Preguntado por Diego Villares, comenta que "poñas onde o poñas cumpre polas súas condicións físicas, pola súa capacidade de xogar. Foi un pouco parche estes dous últimos partidos, pero cando está no centro do campo nótase moito porque abarca moito campo e ten unha facilidade para roubar balóns que xa quixésemos outros telas".
Analizando os últimos encontros do Dépor o futbolista branquiazul atopa que "moitas ocasións veñen de chegadas por fóra. É verdade que no inicio igual tentamos xuntarnos dentro e acumular por dentro, pero en moitas ocasións é só unha distracción para tentar chegar por fóra, cos laterais e o pase atrás que é unha das armas que adoitamos usar moito".
Finalmente ten claro que "os puntos que leva agora mesmo o Alcorcón (42) non son uns números normais. Se mantén esa media é unha auténtica burrada os puntos que pode chegar a facer. Nós o único que podemos facer é centrarnos en nós, en cada partido para tentar sacar os 3 puntos este sábado xa e ir dependendo un pouco dos resultados dos que temos por encima noso. O que está claro é que, visto o visto, imos ter que sacar moitos puntos. O único que podemos facer é ir partido a partido, porque non vale de nada pensar cantos puntos temos que sacar se non nos centramos no primeiro obxectivo, que é esta fin de semana co CF Rayo Majadahonda".