RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Salma solicitará firmas no estadio ABANCA-RIAZOR para crear unha Lei galega de Saúde Mental

A Fundación para o coidado da Saúde Mental en Galicia (Salma) é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa para mellorar as condición das persoas con problemas de saúde mental. A saúde mental ven cobrando protagonismo nos últimos meses, xa que case unha cuarta parte da poboación vese afectada, segundo a OMS. Para iso, a Fundación Salma céntrase en tres liñas de actuación: a consolidación do marco legal en materia de saúde mental, o desenvolvemento dun modelo integral de xestión da atención sanitaria e dos coidados, e o reforzo da resiliencia social fronte ao impacto dos problemas de saúde mental.

Dende Salma presentarán este ano no Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para crear unha Lei galega de Saúde Mental, co consenso e a colaboración de numerosos colectivos e colexios profesionais da sociedade civil galega.

Para que a ILP chegue ao Parlamento e sexa debatida, é preciso recoller 10.000 sinaturas, por iso, e coa colaboración do Real Club Deportivo, organizan unha recollida de sinaturas en torno ao estadio ABANCA-RIAZOR, para que a cidadanía teña a oportunidade de colaborar con esta iniciativa. O encontro será mañá domingo 12 de decembro ás 17:00 h., e a recollida de sinaturas terá lugar durante o tempo de acceso e de saída do Estadio, nas principais portas do mesmo. O obxectivo é que as persoas interesadas poidan coñecer esta iniciativa e colaborar con ela firmando para que se teña en conta no Parlamento.

Esta proposta busca dar respaldo legal ás reformas necesarias para paliar a situación na que se atopa a saúde mental na Comunidade de Galicia, un respaldo que garanta o cumprimento dos dereitos e a asignación suficiente de medios e recursos, e que evite que os plans e as estratexias queden no marco das boas intencións.

Os voluntarios e voluntarias darán tamén, a quen o desexe, información sobre o contido da ILP, explicándolle os seus puntos principais:
• Mellora da accesibilidade aos servizos de saúde mental e redución dos tempos de espera.
• Incremento do número de profesionais en saúde mental.
• Incremento do número de camas hospitalarias.
• Implantación dun modelo integral de atención socio-sanitaria próximo aos estándares estatais e europeos.
• A mellora dos servizos de diagnose precoz e atención na etapa infanto-xuvenil.
• Creación dunha infraestrutura suficiente e innovadora de alternativas habitacionais.
• Inclusión laboral e integración de persoas con problemas de saúde mental.
• Organización da asignación de medios e recursos.

Dende a Fundación Salma, convidan a todos os Deportivistas que acheguen o seu gran de area, e coñezan de primeira man os obxectivos do seu proxecto, como fixeron este mediodía despois do adestramento os integrantes do cadro Deportivista, os primeiros en asinar esta iniciativa.