RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Se non fose polo desastre da primeira volta, agora estariamos a loitar por outras cousas", laméntase Mollejo

Víctor Mollejo atendeu aos medios de comunicación ao finalizar o encontro en ABANCA-RIAZOR ante a SD Huesca.

O atacante deportivista admite que o obxectivo da salvación "está máis preto que nunca. Nós sabemos o mal que o pasamos este ano. Estabamos hundidísimos. En xaneiro, decembro cando chegou o míster estabamos practicamente descendidos e sabemos o que sufrimos e o que nos custou chegar a este punto. Por moito que esteamos preto, non imos parar de saír ao 100% en cada partido e a tentar levarnos os 3 puntos ata que se acabe a liga".

Asegura que en ningún momento houbo relaxación neste tramo da temporada: "O que menos tivemos é relaxación. O único que tiñamos en mente era arranxar o desastre que tiñamos na primeira volta. Moitas veces lamentámonos porque somos unha dos mellores cadros de Segunda División. Se non fose polo desastre da primeira volta, agora estariamos a loitar por outras cousas. Isto é fútbol, todo isto pasa. Disto apréndese. Neste equipo víronse as persoas e as mentalidades gañadoras de vir arriba nos momentos difíciles. Demostrámolo aínda que aínda queda por dar o último paso".

Cun once que xa estaba na primeira volta en Abegondo, Mollejo explica que o éxito "foi cadrar as pezas, coñecernos mellor todos. O cambio de mentalidade foi importante e iso é grazas ao míster. Cando este mesmo 11 saíamos en setembro, outubro pensabamos que eramos malos, que non mereciamos defender esta camiseta. Após chegar o míster ese cambio de mentalidade pasou. Nin antes eramos tan malos nin agora somos o mellor equipo da categoría. Así que temos os pés no chan e queremos seguir sumando vitorias".

Baixo o seu punto de vista, "estamos ante o mellor Deportivo da temporada, un equipo sólido, que en defensa ten as cousas moi claras, en ataque tamén. Sabemos ao que xogamos, confiamos un no outro. É unha pena que isto suceda agora a final de temporada. Se tivésemos 2 ou 3 xornadas máis o equipo podería dar a sorpresa. Agora estamos centrados en certificar a salvación e oxalá que sexa así".

Por este motivo, admite que no vestiario "hai ganas de cumprir o obxectivo, de salvarnos. Imos deixalo todo para iso. Foi un ano de moitos cambios emocionais. Agora é momento de gozar gañando". "O equipo pensa en gañar todos os partidos que quedan. Aínda que certifiquemos a salvación imos tentar quedar o máis arriba posible. A realidade é que é moi difícil optar a algo máis por esa primeira volta que nos penaliza. Agora mesmo imos conseguir os máximos puntos posibles e a quedar o mellor posible", engade Mollejo.

Chancea sobre a ausencia de Fernando Vázquez, sancionado pola súa expulsión en Tenerife o pasado martes: "Non o notamos porque estivo berrando na bancada. Tivémolo presente. Agora aínda que se expulse a un adestrador, ao non haber xente na bancada, escóitaselle desde a bancada. Así que non pasa nada".