RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Seis partidos en ANOSACANTEIRA mañá sábado, co Fabril e o Infantil en Abegondo

Cos alevíns e benxamíns de pretemporada, un total de 6 partidos dispútanse este sábado 5 de outubro. con representación deportivista.

Ás 16:00 (YouTube RC Deportivo) o Fabril mídese ao UP Langreo no grupo 1º de Segunda Federación.

O filial liquidou con máis boas sensacións que puntos as dúas visitas consecutivas aos dous grandes candidatos ao ascenso, o Pontevedra CF e o CD Numancia.

Agora chega á Cidade Deportiva un UP Langreo tamén da zona alta e que non coñece a derrota aínda lonxe do Nuevo Ganzábal.

O RC Deportivo mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar as localidades e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar un asento libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición da bancada nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

O outro encontro en Abegondo é o do Infantil, que se mide ao ED Val Miñor Nigrán a partir das 11:30 horas.

Fóra de casa o Xuvenil B visita ao Alondras CF (16:30) en O Morrazo, o Cadete ao Escola de Fútbol DSF en Salceda de Caselas (10:15), o San Tirso SD Cadete ao ED Xuventude de Oroso (16:00) e o San Tirso SD Infantil ao Pabellón Ourense CF en Os Remedios (12:15).

Para o domingo 6 queda a outra gran cita da fin de semana, tamén na Cidade Deportiva.

O Xuvenil A enfróntase ao Sporting de Gijón na cabeza da División de Honra. Ambos os equipos marchan igualados no máis alto da táboa con 13 puntos.

Finalmente, este pasado mércores 2 de outubro os infantís deportivistas Julen López, Adrián Fernández, Antón Vilariño, Hugo Ferreiros e Tiago Caamaño; ademais de Enzo Pose, Hugo Macedo e Iván Gil do San Tirso SD Infantil adestráronse coa selección galega sub-14 no campo de Chan do Monte en Cerpozóns (Pontevedra).

E os cadetes branquiazuis Antón Roura, Ander Salazar, Gael Irimia, Mauro Valeiro e Samba Wade; ademais de Eder Vilas, Raúl Lema e Roi Castro disputaron un amigable coa selección galega sub-16 ante o AJ Lérez de Liga Nacional xuvenil no citado campo de Chan do Monte.

O calendario de partidos é o seguinte:

Segunda Federación
6ª xornada: FABRIL - UP LANGREO, mañá sábado 5 de outubro ás 16:00 en Abegondo
Clasificación: ... 5. Rayo Cantabria, UP Langreo e Salamanca CF UDS, 8 puntos; 8. Marino de Luanco, 7 puntos; 9. Bergantiños CF, CD Guijuelo, Fabril e Coruxo FC, 6 puntos...

Categoría xuvenil
6ª xornada: XUVENIL A - SPORTING DE GIJÓN, o domingo 6 de outubro ás 17:00 en Abegondo
Clasificación da División de Honra: 1. Xuvenil A e Sporting de Gijón, 13 puntos; 3. RC Celta, 11 puntos...

5ª xornada: ALONDRAS CF - XUVENIL B, mañá sábado 5 de outubro ás 16:30 en O Morrazo
Clasificación da Liga Nacional: 1. RC Celta B e Racing de Ferrol, 12 puntos; 3. Xuvenil B, Pabellón Ourense CF e Alondras CF, 9 puntos...

Categoría cadete
5ª xornada: ESCOLA DE FÚTBOL DSF - CADETE, mañá sábado 5 de outubro ás 10:15 no campo de fútbol Penedo Redondo (Salceda de Caselas)
5ª xornada: ED XUVENTUDE DE OROSO - SAN TIRSO SD CADETE, mañá sábado 5 de outubro ás 16:00 no campo Lino Balado (Oroso)
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta e Cadete, 12 puntos; 3. CD Lugo e San Tirso SD Cadete, 9 puntos... 9. Escola de Fútbol DSF, 6 puntos... 15. ED Xuventude de Oroso, 3 puntos...

Categoría infantil
4ª xornada: INFANTIL - ED VAL MIÑOR NIGRÁN, mañá sábado 5 de outubro ás 11:30 en Abegondo
4ª xornada: PABELLÓN OURENSE CF - SAN TIRSO SD INFANTIL, mañá sábado 5 de outubro ás 12:15 en Os Remedios (Ourense)
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, Infantil e Racing de Ferrol, 9 puntos; 4. Pabellón Ourense CF, ED Val Miñor Nigrán, San Tirso SD Infantil e Victoria CF, 6 puntos... 

Categoría alevín
Amigable: ATLÉTICO PERILLO - FABRIL FC ALEVÍN, mañá sábado 5 de outubro ás 12:00 no campo de fútbol de O Redondo (Montrove, Oleiros)

Categoría benjamín
Amigable: SADA CF (alevín) - BENXAMÍN A, mañá sábado 5 de outubro ás 12:30 nas Mariñas (Sada)
Amigable: SADA CF - FABRIL FC BENXAMÍN, mañá sábado 5 de outubro ás 12:30 nas Mariñas (Sada)