Mañá de traballo intenso no Dépor de cara ao encontro deste domingo 26 de novembro ás 20:00 en ABANCA-RIAZOR ante o Osasuna B (TVG-2 e FEF TV), correspondente á 14ª xornada no subgrupo 1º de Primera Federación.
Após unha activación con roda de pases, Imanol Idiakez dispuxo no campo 3 un partido táctico en espazos amplos co plan para a fin de semana sobre a mesa.
Cun exercicio previo de movementos ofensivos e defensivos no campo 2 completouse a sesión.
En rolda de prensa esta mesma mañá, Paris Adot sostén que "nos centramos en corrixir os erros. Cando cometes erros tes a seguinte semana para falalo, para liquidalo e para que non volvan pasar".
Admite que en Tarazona "o resultado deixounos fríos, perdes 2 puntos en practicamente a última xogada, pero viñamos dunha xeira de bos resultados quitando o partido de Irún. Xa parece que en ABANCA-RIAZOR encadeamos dúas vitorias seguidas, atopámonos máis cómodos entón estamos a traballar en reforzar, nos erros que cometemos e na dinámica que temos sobre todo en casa para sacar este partido adiante e poder seguir sumando de 3 en 3".
Están con traballo personalizado Ximo Navarro, Pablo Muñoz, Barbero, o canteirán Mella e Pablo Valcarce, este pendente de diagnóstico médico das molestias no seu xeonllo dereito que lle obrigaron onte a retirarse do adestramento.
Paris Adot, cunha molestia abdominal, acabou hoxe antes o traballo sobre o céspede por precaución.
Martín Ochoa, Jairo, Rubén, Marc, Vilán e Mati Castillo foron hoxe os representantes de #ANOSACANTEIRA. Precisamente Paris, un dos futbolistas con máis experiencia do vestiario, apuntou que os fabrilistas "están a achegar moito, están a apertar"; e advirte que, a pesar de que a súa competencia no carril dereito (Ximo Navarro) está lesionado "hai que traballar todos os días e se non estás ben xogará o que estea mellor, o rapaz do Fabril ou o que sexa".
Mañá venres, o Dépor adestrarase de novo a partir das 11:00 en Abegondo.