RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA con baixas volve este domingo "por todo o grande" á Liga F en ABANCA-RIAZOR ante un Barça campión de Europa

O Dépor ABANCA regresa ao grande á Liga F. Mañá domingo 8 de setembro medirase en ABANCA-RIAZOR (18:00 horas, Dazn) a un FC Barcelona que chega como campión de Europa e coa bitola de mellor equipo do mundo.

Irene Ferreras, en rolda de prensa, desvelou que no grupo hai "ansias de empezar a iLga F e facémolo por todo o grande".

A preparadora deportivista pensa que "o que pelexamos nas temporadas anteriores dá para pelexar estes partidos. Nós temos que darlle un enfoque moi particular para que a xente non leve a equívocos. Temos un rival de moita entidade diante, moi importante. Imos tratar de facer un partido que nós consideremos competitivo baseándonos en obxectivos do noso proceso e en obxectivos de equipo".

Busca "seguir sumando experiencias na categoría que nos permitan competir ben sobre todo nos partidos nos que nos xoguemos cousas importantes".

Son baixa por lesión Henar, Ainhoa e Lucía Rivas, que "aínda que é xogadora do filial eu sempre a teño moi en conta; e desde aquí mandarlle moita forza. Foi unha pena. Quizais a xogadora máis interesante coa que tiven a sorte de traballar a nivel da nosa canteira. Seguro que se vai a recuperar".

Laméntase que "unha xogadora tan nova teña que pasar por unha situación así pero moitas futbolistas ten que pasar por estes momentos e estou segura que vai atopar a maneira que volva máis forte, mellor preparada. Seguro que ten futuro para longo".

Tampouco estarán no Dépor ABANCA Mariña Artero e Olaya, na selección española sub-20 no Mundial de Colombia; e Michi Apóstolo, con Venezuela nesta cita mundialista.

A dúbida será Lucía Martínez (na foto da noticia): "Valoraremos se está realmente para competir", declarou Irene Ferreras. A mediocentro recupérase dunha contusión nun nocello que a tivo varios días á marxe do grupo.

Carmen Carballada e Elena Vázquez son as representantes de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, Pere Romeu, técnico do FC Barcelona, manifestou que o seu equipo "chega moi ben. Fixemos unha boa pretemporada. Atopámonos con contextos de partidos moi diferentes".

Do Dépor ABANCA, afirmou que "é un rival recentemente ascendido cunha adestradora cunha idea concreta. Xogamos nun estadio grande, vendéronse bastantes entradas e será un bonito arranque de liga".

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK