RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA con moitas ganas e moita ilusión cítase co Balears FC mañá mércores en Palma na primeira eliminatoria de Copa de la Reina

O Deportivo ABANCA visita mañá mércores (19:30, Son Malferit, Palma) ao Balears FC de Segunda Federación FutFem na primeira eliminatoria da Copa da Raíña, que se xoga a partido único.

O equipo branquiazul chega ao partido copeiro reforzado co seu triunfo ligueiro in extremis do pasado domingo en Barcelona ante a CE Europa (1-2).

Laurina, protagonista desa primeira cita ligueira ao anotar o gol do triunfo nos instantes finais, cre que o partido foi "bastante trabado. Elas saíronnos a apertar moi arriba. Na primeira parte foron moi intensas. Nós non fomos capaces de ler a situación, de atopar solucións e viuse no campo que nos custou bastante".

Engade que a partir do gol local na segunda metade o Dépor ABANCA "vén arriba, vai buscar o partido e a darlle a volta ao marcador. Nos últimos minutos tense a sensación de ter máis control sobre o xogo e sobre as situacións do partido".

A dianteira asturiana advirte que "en liñas xerais non se viu o Dépor ABANCA que se está traballando para que se vexa. Temos moita marxe para seguir demostrando que equipo queremos ser e ao que queremos xogar. É bo empezar con 3 puntos nun partido así, complicado; e nun campo complicado porque a CE Europa fixo moi ben o seu traballo e vai ser un equipo que dea moita guerra ao longo da temporada".

Irene Ferreras conta con 18 futbolistas para o partido copeiro e unha única baixa forzosa, a de Sara Debén, lesionada. Elena Vázquez e Carmen Carballada son as representantes de #ANOSACANTEIRA.

O conxunto branquiazul adestrouse esta tarde en Santa Ponça, na única sesión previa ao encontro, posto que onte luns houbo xornada de descanso após o choque do domingo de liga en Barcelona.

Henar Muiña, unha das capitás deportivistas, subliñou que o equipo afronta a Copa "con moitas ganas e moita ilusión. Podemos mellorar o papel que fixemos o ano pasado. Imos tentar pasar de rolda e a facelo o mellor posible".

Asume o papel de favorito por "a categoría na que estamos cada equipo pero esta competición o que mola é que é a partido único, pode pasar de todo e non podemos ir confiadas porque seguramente caeremos eliminadas".

Pola súa banda, o Balears FC preséntase na Copa despois de empatar (1-1) en liga a domicilio ante o Athletic Club C e coa ilusión de poder eliminar a un rival de superior categoría.

O cadro balear asume que o "rival é moi complicado" e que "a priori o Deportivo ABANCA é superior", tal e como manifestou a súa xogadora Sandra Torres, á vez que vaticina un partido "súper bonito".

Finalizado o encontro, a expedición deportivista pasa a noite en Palma e regresará o xoves 14 de setembro á primeira hora da mañá directa a adestrar a Abegondo.