Un Dépor ABANCA de menos a máis cae pola mínima, e de penalti, ante un SC Braga con 22 días máis de rodaxe
O Dépor ABANCA caeu pola mínima, e de penalti, ante o SCBraga(1-0) no seu primeiro amigable do verán este mediodía.
O equipo deportivista foi de menos a máis e con boas sensacións dado que o conxunto luso é un clásico do fútbol feminino do seu país; a campaña pasada acabou en 5ª posición; conta con varias internacionais nas súas filas como Patrícia Morais, Ana Rute e Dolores Silva; e leva ademais case 22 días de rodaxe máis que As Nosas neste verán.
O choque celebrouse nas Instalacións Deportivas Monte Prado-Melgaço, cuartel xeral do Dépor ABANCA nesta concentración que se prolongará até o venres 2 de agosto.
A primeira ocasión do partido foi para Millene, aos 6 minutos. Recibiu un pase da morte de Ainhoa Marín pero non foi capaz de precisar o seu remate.
Paula Gutiérrez e Lucía Rivas tentárono pero en ambas as ocasións interveu con acerto a porteira portuguesa.
Cun SC Braga algo máis elevado derivado do seu mellor estado físico, o partido decidiuse no minuto 39 cun penalti por un dubidoso agarrón de Raquel a unha rival na área nun saque de esquina a favor do SC Braga.
Após o paso polos vestiarios, Irene Ferreras introduciu 10 cambios respecto ao once que arrincou o choque. Unicamente Lucía Martínez seguiu sobre o céspede ata que foi relevada no 75 por Carmen Carballada.
Ademais, no transcurso da segunda metade saltaron ao terreo de xogo tamén Paula Monteagudo e Bárbara.
O SC Braga apenas disparou entre os 3 paus e o partido inclinouse ao lado deportivista. De feito, Yohana só interveu nunha ocasión para salvar iso si un man a man.
Aínda por riba, nos últimos minutos Hmírová tivo o empate nas súas botas após un bo roubo de balón de Bárbara.
Ao final, derrota pola mínima nun satisfactorio primeiro test de pretemporada do Dépor ABANCA.
Dépor ABANCA, primeira metade: Inês Pereira, Samara, Raquel, Vera, F. Lara, Lucía Martínez, Paula Gutiérrez, Eva Dios, Ainhoa Marín, Lucía Rivas e Millene. Dépor ABANCA, segunda metade: Yohana, Cris Martínez, Paula Novo (Paula Monteagudo, min. 75), Lucía Martínez (Carmen Carballada, min. 75), Elena, Henar, Olaya, Carlota, Hmírová, ADT (Bárbara, min. 75) e Altuve.