RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor que se marcha "contento polo traballo" rabuña un punto en Elche no seu segundo partido consecutivo coa portería a cero

O Dépor empatou (0-0) esta noite no Estadio Martínez Valero co Elche CF, outro dos grandes da categoría que até fai moi pouco estaba en Primera División. É o segundo partido consecutivo no que Helton Leite non recibe ningún gol.

Con este resultado, Os Nosos suman 9 puntos na 17ª posición de LaLiga Hypermotion.

Imanol Idiakez márchase do estadio ilicitano "contento polo traballo. Este (polo Elche CF) é un gran equipo. Aquí non vai gañar moita xente e o equipo acabou o partido con boas sensacións", declarou Imanol Idiakez na rolda de prensa pospartido.

Os Nosos contaron coas baixas de Gauto, lesionado; e Yeremay, concentrado coa selección española sub-21 en plena competición oficial do seu equipo.

Imanol Idiakez repetiu once da pasada fin de semana ante o Málaga CF en ABANCA-RIAZOR coa entrada unicamente de Mario Soriano, situado na esquerda, polo canario.

Nos primeiros minutos, de tenteo, Barbero recibiu ao segundo pau libre de marca pero non controlou ben o balón. De facelo estaría só ante Dituro.

Pola súa banda, os locais, que se presentaban ante a súa afección após a derrota pola mínima na Malata (1-0), tampouco perdían de vista a Helton Leite, con transicións rápidas sobre todo por banda dereita.

Os ilicitanos apropiáronse da pelota, aínda que sen espazos para crear perigo.

Aos 21 minutos, Affengruber cabeceaba lixeiramente alto un saque dunha falta lateral.

Nesta fase do partido custáballe ao Dépor encadear xogadas.

Pasada a media hora, Nico remata alto desde a frontal da área un centro atrás desde banda dereita.

Aos 39 minutos, Ximo rouba un balón na área ilicitana pero Mella opta polo caneo en lugar do disparo e o balón desvíao a saque de esquina a defensa local.

Máis preto estivo de marcar Salinas, que atopou un corredor por banda esquerda. O seu chute márchase lixeiramente desviado do pau esquerdo de Helton Leite.

"Na primeira parte quizais nos custou saltar á presión para quitarlles o balón. O Elche CF é un equipo que se non saltas a tempo, coordinado, cústache quitarlle a pelota. Tivemos menos a pelota do habitual pero tampouco sentimos grandes ocasións de Elche CF", resumiu o preparador deportivista.

Así se chegou ao descanso, no que "tentamos axustar algunha cousiña", recoñeceu.

Após o paso polos vestiarios, Lucas, ao primeiro minuto, estrelou o balón na cara de Dituro nun man a man.

Saíu ben o Dépor ao partido e atopábase cómodo, sen apenas pasar apuros.

Aos 54 minutos chega un triplo remate de Mella, que saca Dituro; Barbero, taponado por un defensor; e Villares, que non chega por pouco a un centro raso por banda esquerda.

Eran os mellores minutos branquiazuis no partido ante un Elche CF que perdeu de vista a Helton Leite.

Eder Sarabia, técnico ilicitano, dá entrada a Óscar Plano e Bigas para revitalizar ao seu equipo.

Nunha falta ensaiada que acaba en centro de Obrador, Barbero, libre de marca, cabecea ás mans de Dituro.

O Dépor ía presionar home a home arriba ao Elche CF. "Tentamos roubar máis alto; nos nosos reinicios na última liña facela boa e ímonos satisfeitos", declara o preparador deportivista.

O ilicitano Nico xuta desde a frontal e Helton Leite desvía a córner na mellor chegada local na segunda metade. Corría o minuto 68.

Imanol dá entrada a Jose Ángel e Cristian Herrera por Mfulu e Barbero.

No minuto 73, nunha transición do Elche CF, o colexiado anula un gol a Mendoza por fóra de xogo.

Lucas case marca no 77 nun balón que quedou morto na área. O capitán tenta unha vaselina que Dituro, que estaba a media saída, logra desviar a saque de esquina.

Escudero e Bouldini saltan ao céspede para achegar experiencia atrás e pegada arriba.

No minuto 84, de novo Dituro salva un man a man ante Mella, aínda que a xogada estaba invalidada por fóra de xogo.

Os minutos finais foron xa con menos claridade arriba e con poucos sustos nas dúas áreas.

Elche CF: Dituro, Diaby (Cristian Salvador, min. 88), A. Álvarez (Óscar Plano, min. 60), Nico, Salinas, Febas, Álvaro Núñez, Mourad (Sory Kaba, min. 71), Nico C (R. Mendoza, min. 71), Affengruber e E. Santiago (Bigas, min. 60)

Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador (Escudero, min. 78), Villares, Mfulu (Jose Ángel, min. 71), Mella (Davo, min. 90), Lucas, Mario Soriano (Bouldini, min. 78) e Barbero (Cristian Herrera, min. 71)

Árbitro: Rubén Ávalos Barreira, do comité catalán. Amoestou a Febas (min. 64), Bouldini (min. 79), Salinas (min. 84) e Jose Ángel (min. 89)

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado ante 15.810 espectadores, entre eles uns 200 deportivistas