O Deportivo ABANCA perdeu en Abegondo fronte ao Real Betis un encontro que empezou a decantarse en favor das andaluzas nos primeiros minutos e que acabou de decidirse cun penalti e expulsión de Villegas cando as branquiazuis despregaban o seu mellor xogo.
As cousas comezaron a torcerse pronto, xa que o conxunto andaluz adiantouse cando apenas transcorreran 100 segundos desde o asubío inicial.
Otermín recibiu un balón en profundidade entre Blanco e Villegas e definiu cara a cara con Sullastres despois dunha recuperación de Rosa Márquez moi protestada polas branquiazuis, que reclamaron man á colexiada.
O Deportivo ABANCA tentou refacerse, pero non foi capaz de manter posesións longas nin de trenzar accións de ataque con perigo. As verdibrancas presionaron alto e trataron de sorprender con velocidade.
Pouco despois do cuarto de hora, o Real Betis ampliou a súa vantaxe nunha acción a balón parado. Foi un córner lanzado desde a esquerda do ataque visitante que Altuve peiteou no primeiro pau e que remachou a pracer Ana González, tamén de cabeza, ao bordo da área pequena.
Tralo segundo tanto visitante, o Dépor ABANCA estirouse un pouco, pero apenas alcanzou a poñer en apertos á porteira francesa Méline Gerard. Conseguiuno en varios saques de esquina e nunha boa internada pola dereita de Peke, cuxo disparo repeleu unha defensa do conxunto bético.
Con todo, a mellor ocasión foi de novo para as sevillanas, nun man a man de Altuve con Sullastres que cortou Iris cunha rápida intervención.
A segunda metade arrancou dunha maneira moi distinta. O Dépor ABANCA deu un paso adiante, quitou a pelota ao Real Betis e practicamente instalouse na metade de campo contraria.
Iris empalmou un lonxano libre indirecto por encima do traveseiro e, poucos segundos despois, Peke recortou distancias no marcador. A dianteira deportivista empuxou no segundo pau un excelente servizo raso de Athenea desde o extremo esquerdo, onde a cántabra gañou por velocidade ao seu par.
Con todo, o dominio e moitas das opcións de puntuar desvanecéronse aos nove minutos da continuación, xa que Villegas desviou coa súa man un disparo de Altuve con Sullastres superada. A colexiada decretou penalti e expulsou á lateral esquerda deportivista. Ángela Sosa transformou a pena máxima para colocar o 1-3 no marcador.
A pesar de quedar con dez, o Deportivo ABANCA deu a cara. No minuto 66, Eva Dios escapou pola dereita, serviu ao oco para Peke e esta lanzou un pase ao corazón da área que quedou atrás a Athenea por moi pouco. Dous minutos despois foi a propia Peke a que o tentou cun zurdazo desde a frontal da área que Gerard atallou con seguridade.
O Real Betis respondeu cun disparo de Rosa Márquez coa perna esquerda que saíu lambendo o recanto da portería coruñesa, no minuto 80. Xa en tempo de desconto, Kika resolveu un balón dividido fóra da área cun despexe bombeado con intención de sorprender á gardameta visitante, pero o coiro estrelouse na parte superior da rede da portería.
Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Iris Arnaiz, Blanco, Villegas, Alba Merino (Kika, min. 77), Ainoa, Gaby, Lady (Eva Dios, min. 37) (Helena, min. 77), Athenea e Peke.
Real Betis: Méline Gerard, Nuria, Valle, Dorine, Paula Perea, Ana González, Ángela Sosa, Rosa Otermín (Aixa Salvador, min. 62), Rosa Márquez (Bea Parra, min. 86), Medina (Ana Hernández, min. 86) e Altuve (Mari Paz, min. 75).
Goles: 0-1 Rosa Otermín (min. 2); 0-2 Ana González (min. 18); 1-2 Peke (min. 49); 1-3 Ángela Sosa, de penalti (min. 55).
Árbitra: Díaz García (c. tinerfeño). Expulsou con vermella directa a Villegas (min. 54). Cartón amarelo a Alba Merino (min. 58) e Rosa Márquez (min. 74).
Incidencias: partido aprazado da 15ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo a porta pechada debido á pandemia de COVID-19.