Un partido, tarefa para un Dépor ao que Lapeña ve "física e animicamente moi ben" tralo Nadal
Un partido foi a tarefa principal do Dépor no adestramento de hoxe en Abegondo, con todo o cadro a disposición de Óscar Cano salvo Antoñito.
O técnico branquiazul, como é habitual neste exercicio que se repite varias veces cada semana, impartiu constantes instrucións e realizou cambios de posicións e de equipos entre os seus futbolistas.
"Volvemos anímica e fisicamente moi ben. Non tivemos un bo inicio de temporada. Soubemos mellorar, tratando de entender o que quería o novo adestrador. Acabamos o ano gañando que era importante, a pesar de que non fixésemos o noso mellor partido", comentou Adrián Lapeña esta mesma mañá na sala de prensa.
O defensor branquiazul sostén que o parón do Nadal veulle ben ao equipo "para refrescar as pernas, a mente de cara a este seis meses que son moi importantes".
Un exercicio de transicións despois dun quecemento con rondos completaron a xornada no céspede.
Brais Val foi o representante de #ANOSACANTEIRA esta mañá co primeiro equipo.
Mañá venres, Os Nosos atrasan o adestramento por mor da chegada esta noite dos Reis Magos. A sesión de traballo en Abegondo arrancará ás 11:00 en lugar da as 10:30, tal e como é habitual.
Será o penúltimo adestramento antes da primeira cita oficial do ano 2023, o domingo 8 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, InSports.tv e TVG-2) ante o Unionistas de Salamanca CF.